Aprobado o proxecto da Lei galega de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital
luns, 6 de xullo do 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o proxecto da Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia, que definiu como «a primeira de toda España neste eido». A norma pretende facer fronte ás novas formas de violencia derivadas da expansión das tecnoloxías da información e da comunicación, como Internet e as redes sociais. «Un dos perigos é unha nova cara da violencia de xénero: a violencia dixital», sinalou.
A tramitación do proxecto iniciouse o pasado mes de setembro coa apertura dun proceso de consulta pública para recoller achegas de entidades e da cidadanía. Unha vez concluída esa fase e analizadas as propostas recibidas, o Consello deu luz verde ao texto, que será remitido ao Parlamento de Galicia para iniciar a súa tramitación no vindeiro período de sesións. «A previsión é que a lei estea aprobada este mesmo ano 2026 para dar resposta a unha forma de violencia de xénero, a violencia dixital, cada vez máis habitual», afirmou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.
A conselleira explicou tamén que se aceptaron varias alegacións formuladas por nove entidades para reforzar a protección das vítimas con discapacidade e das persoas trans, ademais de introducir distintos axustes de carácter técnico no articulado.
O proxecto estrutúrase en catro títulos, 26 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras. Os seus principais obxectivos son establecer os principios reitores de actuación da comunidade autónoma en materia de acoso e violencia dixital, regular medidas de sensibilización, prevención e detección, promover a formación do persoal da Xunta, do sector público e das forzas e corpos de seguridade do Estado, e definir medidas de protección e apoio ás vítimas.
Entre as actuacións previstas figura, no ámbito educativo, a incorporación obrigatoria de contidos de competencia dixital nos currículos de todas as etapas educativas non universitarias, así como a elaboración dun Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso.
A lei tamén contempla impulsar acordos con persoas e empresas que prestan servizos a través da Internet, como plataformas e redes sociais, para desenvolver accións de sensibilización e prevención e establecer mecanismos rápidos de denuncia e retirada de contidos relacionados co acoso e a violencia dixital.
Outra das medidas anunciadas é a creación dun servizo gratuíto de borrado da pegada dixital para eliminar da rede o material empregado como instrumento de acoso ou violencia que siga accesible. A retirada destes contidos requirirá dunha resolución xudicial expresa.
A normativa prevé ademais un servizo gratuíto de asesoramento para que as vítimas reciban apoio técnico e información orientada a previr novos ataques ou situacións de violencia dixital. Tamén se impulsarán medidas para facilitar o acceso á información, á orientación e ao apoio xurídico, ademais da elaboración dunha guía sobre os dereitos das vítimas que incluirá recomendacións básicas de seguridade informática e pautas para preservar evidencias dixitais que poidan constituír un delito.
Segundo destacou a Xunta, esta nova lei reforza o compromiso do Goberno galego coa loita contra todas as formas de violencia exercida sobre as mulleres e coa protección das vítimas. Alfonso Rueda lembrou que Galicia foi «a primeira comunidade en ter unha lei específica nesta materia», posteriormente actualizada para incorporar novas formas de violencia como a sexual ou a vicaria.
O presidente tamén salientou que Galicia foi pioneira na creación dunha prestación económica anual para todas as vítimas e que conta cunha ampla rede de casas de acollida, que se ampliará cun novo centro en Santiago de Compostela especializado na atención a mulleres vítimas con problemas de adicción.
A rede complétase cos Centros de Información á Muller (CIM), formada por 84 recursos que prestan servizo a máis de 200 concellos. Este dispositivo reforzouse recentemente coa incorporación de catro unidades móbiles para achegar a atención aos municipios rurais e aos campus universitarios.
