Aproban en Francia a lei permite cortar o acceso á Rede aos usuarios que descarguen contidos protexidos
mércores, 13 de maio do 2009
O
Senado francés aprobou por 189 votos a favor e 14 en contra a polémica lei
HADOPI, tamén coñecida como a dos tres avisos, que onte fora ratificada
pola Asemblea Nacional, de xeito que remata unha longa traxectoria dun texto
que permitiría o corte do acceso á Internet aos usuarios que compartan contidos
protexidos por dereitos de autor.
Esta lei podería ser incompatible coa lexislación europea, e tamén podería atopar
problemas polo recurso
de inconstitucionalidade promovido polo partido da oposición. Resulta
sumamente rechamante que se produza esta aprobación xusto unha semana despois
de que o
Parlamento Europeo determinase que só un xuíz poida cortar o acceso á Internet
dun usuario, por considerar que a Rede supón un dereito fundamental, polo
que un interese comercial non debería ter máis importancia para os
lexisladores.
A aprobación da lei HADOPI suporía a creación dun sistema que ao detectar que
un usuario descarga contidos protexidos da Rede remitiríalle unha primeira
advertencia por correo electrónico advertíndoo da súa falta; de reincidir
recibiría unha segunda mensaxe acompañada por unha carta certificada e,
finalmente, ao continuar coas infraccións, unha comisión integrada por 3 xuíces
podería ordenar o corte do seu acceso á Internet durante un período de entre 1
e 3 meses nos que deberá continuar a pagar a súa conexión (e non poderá
esquivar a medida cambiando de provedor, pois os infractores da nova lei
entrarán nunha listaxe negra).
- Christine Albanel, ministra de Cultura, agarda que a lei HADOPI reduza as descargas
Agardan que este sistema entre en vigor a primeiros de 2010, aínda que na
Internet non falta que considera que será totalmente inútil por diversos
motivos:
legalmente a lei podería lesionar dereitos fundamentais recoñecidos pola
lexislación francesa e europea, que podería atentar ao principio de
proporcionalidade e á separación de poderes (xa anunciaron que, de non ser
rexeitada polo Consello Constitucional francés, deberá facer fronte aos
tribunais europeos)
tecnicamente sería moi complicada de levar a cabo, xa que existen múltiples
técnicas para ocultar o tráfico de rede que pretenden perseguir, chegando en
moitos casos con marcar unha casiña no apartado de opcións das aplicacións de
intercambio de ficheiros
a opinión pública oponse a esta medida, e incluso hai músicos que consideran
que frear o P2P pode afectarlles negativamente, polo que as medidas que pretenden
aplicar poderían ter consecuencias políticas
o feito de que o presidente Sarkozy estea casado cunha cantante cando se
promove unha lei tan proteccionista dos dereitos de autor (considerada a máis
draconiana do mundo) tamén pode entenderse coma un escándalo
A ministra de Cultura francesa, Christine Albanel, sostén
que nos países onde puxeron en marcha mecanismos de advertencia a piratería reduciuse ata un 65-70%,
pero cómpre lembrar que nos EE.UU., onde emprenderon accións legais contra
36.000 usuarios, non se reduciron as descargas. Son
así moitas as incógnitas deste modelo que pode dar lugar a múltiples
conflitos (falsos positivos, responsabilidades compartidas, presunción de
culpabilidade…).