Aproban unha lei para tentar forzar a venda de TikTok a empresas estadounidenses
mércores, 24 de abril do 2024
O Senado dos Estados Unidos votou por ampla marxe a favor dunha lexislación que prohibiría TikTok nos Estados Unidos se a empresa chinesa ByteDance non se desfai da popular aplicación de vídeos curtos nos vindeiros meses.
Motivada polas preocupacións xerais entre os lexisladores estadounidenses de que China poida acceder aos datos dos estadounidenses ou espiar a través da aplicación, a lei foi aprobada pola Cámara de Representantes dos Estados Unidos o sábado e o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, asinouna hoxe.
Esta nova lei vai na liña da orde executiva asinada por Donald J. Trump en agosto de 2020, e que tras varios meses quedou totalmente sen efecto, por considerarse inconstitucional, o que está a argumentar actualmente TikTok na súa defenda, lembrando que a compañía cumpre a lexislación actual, asegura manter os datos dos usuarios estadounidenses seguros e está libre da influencia e manipulación externas. Tamén salienta o feito de que actualmente hai máis de 7 millóns de negocios e 170 millóns de usuarios estadounidenses que se verían prexudicados polo bloqueo de TikTok en EE.UU., pois resulta evidente que a venda do negocio a unha compañía estadounidense é algo innegociable.
Aínda que se fale de que TikTok tería agora 270 días para atopar vendedor, o certo é que os prazos son moito máis amplos, podendo adiarse durante anos e sendo o máis probable que non chegue a concretarse nada por levarse o asunto unha vez máis aos tribunais, onde o máis probable é que dean a razón a TikTok.