Apróbase a lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia
martes, 25 de marzo do 2025
Tras a aprobación no Parlamento galego da lei que regula o desenvolvemento da intelixencia artificial, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salienta que Galicia é a primeira rexión europea en ter unha regulación deste tipo, de xeito que a Xunta sería a primeira administración pública española en dispón de criterios e procedementos específicos e regulados por lei para garantir os dereitos e a seguridade das persoas ante o uso desta tecnoloxía.
Miguel Corgos lembrou que, entre as súas moitas posibilidades, a intelixencia artificial axuda a proporcionar servizos públicos máis áxiles, personalizados, accesibles e seguros. Galicia conta agora cunha norma que garante a eficacia desta tecnoloxía, pero tamén o respecto aos dereitos das persoas e a súa seguridade. A lei non só regula o seu uso na Administración e nos servizos públicos, senón que tamén establece os mecanismos de promoción e apoio á implantación de sistemas de IA por parte das empresas.
Desde hoxe, todos os sistemas que conteñan intelixencia artificial teñen que asegurar previamente a súa eficacia, que non causan prexuízos ou discriminacións, e que son seguros e fiables. Garante, ademais, que se poderá solicitar que calquera decisión tomada coa axuda da IA sexa revisada por unha persoa.
Esta norma tamén regula os mecanismos de promoción, formación e capacitación dirixidos á cidadanía e aos sectores de actividade. Para o conselleiro de Facenda e Administración Pública, con esta lei Galicia mantense na vangarda “para un uso da intelixencia artificial adaptada ao noso territorio e á nosa poboación, e ao servizo do benestar e da xeración de riqueza.”