Apróbase o anteproxecto de Lei de Administración dixital de Galicia

xoves, 8 de febreiro do 2018 Redacción

O presidente da Xunta, na súa comparecencia semanal tras o Consello de Goberno, informou da aprobación do Anteproxecto de lei de Administración dixital de Galicia, co fin de acadar o papelame cero nas relacións entre a Administración e os cidadáns. Trátase dunha nova lei que vén completar o Plan da Administración e Goberno dixital 2020 que a Xunta puxo en marcha en 2015.
A aprobación deste anteproxecto supón a adaptación da Administración galega ás obrigas establecidas na normativa estatal, pero tamén mellorar estas exixencias e consolidalas con rango de lei.
Esta nova norma rexerase por tres principios básicos: que cada cidadán non teña que achegar os mesmos datos máis dunha vez, que a Administración empregue proactivamente a información da que dispón para adiantarse ás necesidades do cidadán e a automatización dos procesos para mellorar a eficiencia da xestión.

As novidades que introduce a lei

Como novidades, esta Lei da Administración dixital inclúe: a definición, por vez primeira, dun marco galego de competencias dixitais, que toma como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia e a través do cal se poderán avaliar e certificar os coñecementos dixitais dos cidadáns; a creación dun Plan de capacitación dixital do empregado público, que lles permitirá ás persoas que traballan na Administración acadar o certificado galego de competencias dixitais; a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico; a creación dun mapa de interoperabilidade das administracións públicas galegas, que será un inventario de datos e documentos que estean en poder das administracións e o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público.
Para a posta en servizo destas melloras, a nova lei recolle tamén a necesidade de creación dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que garantirá o acceso a estes con seguridade, calidade e de xeito continuo; o fomento da innovación dixital para impulsar novas formas de prestar servizos e a creación dunha comisión de coordinación interadministrativa para a promoción da prestación conxunta de servizos.
Para a análise da información sobre a implantación deste sistema e a introdución de melloras, o presidente da Xunta informou de que a lei prevé un sistema de indicadores da Administración dixital, que estará apoiado neste labor de seguimento polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización Tecnolóxica de Galicia (OSIMGA), cuxo papel se potenciará.

PUBLICIDADE