Aquí Tamén Se Fala celebrou cun festival os seus logros lingüísticos presenciais e dixitais
venres, 7 de xuño do 2024
Este venres celebrouse o Festival Aquí Tamén Se Fala, impulsado polo Instituto IES Rafael Dieste para promover o uso do galego. Trátase dunha cita que pon o peche no curso 2023/24 á campaña de dinamización do galego feita polo centro co apoio da Xunta de Galicia, unha campaña da que falamos en Código Cero con motivo da súa marcada vertente dixital, xa que entre as súas facianas visíbeis atópase a web aquitamensefala.com e unha serie de vídeos subidos ás redes sociais nos que importantes persoeiros da cultura e doutros ámbitos expresan o seu apoio á nosa lingua. Por exemplo Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras.
Entre os asistentes ao festival atopábanse o conselleiro de Cultura, José López Campos, o secretario xeral de Lingua, Valentín García, ou a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra. O conselleiro agradeceu a implicación da comunidade educativa para “comerciar co uso da lingua”, pois é esta unha iniciativa que demostra como as entidades comerciais”. E engadiu: “O galego é unha das maiores riquezas que temos como pobo que debemos coidar, preservar e reforzar, este é un deber compartido no que precisamos da colaboración de todos os sectores”. Neste senso, López Campos felicitou a todas as persoas que forman parte desta iniciativa de dinamización lingüística e celebrou a boa acollida que tivo ao conseguir a implicación de 200 centros educativos e 50.000 locais comerciais de toda a Comunidade.
O proxecto de dinamización lingüística Aquí Tamén Se Fala recompila diversas propostas, todas elas enfocadas no uso do galego e que contaron coa participación de referentes culturais diversos e recoñecidos como Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras. Entre as iniciativas impulsadas atópase a creación de contido nas redes sociais, acordos con equipos de fútbol profesional ou a programación de obradoiros con profesionais do sector audiovisual e musical.
Como colofón, o instituto programou para este venres un festival que pon o peche final a esta campaña e que contou coa participación de artistas do panorama musical galego como Leria, Lontreira, Boyanka Kostova ou Grande Amore.
Gran repercusión nas redes sociais
Aquí Tamén Se Fala (Galego) é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil, con accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno. Trátase dun proxecto que comezou no IES Rafael Dieste da cidade da Coruña e que agora esténdese por centros de todo o país, con gran repercusión nas redes sociais, nas que se achegan pezas musicais, anacos de cultura galega, gravacións, fotografías de establecementos galego-friendly (bares, salóns de beleza, librarías, tendas de moda, academias, institucións, talleres mecánicos, froitarías, gabinetes de psicoloxía, florerías) e entrevistas con persoas anónimas ou coñecidas. “Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego”, sinalan os impulsores da iniciativa, que converten a todas as persoas e entidades que participan en “técnicos/as de normalización lingüística”.
No curso actual a campaña conseguiu espallarse por 200 centros por toda a xeografía galega. Salienta por presentar a lingua en positivo e converte as persoas destinatarias en axentes implicadas no proceso.