Arbo mostrou os seus atractivos perante un sobranceiro elenco de blogueiros
mércores, 20 de marzo do 2019
Durante
os días 9 e 10 de marzo, o Concello
de Arbo organizou un encontro turístico-blogueiro para
facer pechar fileiras arredor dos múltiples atractivos da contorna
e, tamén, para mostralos ao mundo a través dos ollos de
influencers, referentes en liña e comunicadores expertos. A
xuntanza blogtrip Sabores de Arbo: o Viño, a Lamprea e a
Festa da Lamprea enmarcouse dentro das actividades organizadas
para promover produtos senlleiros locais, como o viño e a lamprea. E
tamén para promover a Festa da Lamprea, que este ano cumpre 59 anos
e que está prevista para os días 26, 27 e 28 de abril de 2019. Foi
a primeira vez na historia que Arbo deu acollida (cunha xuntanza
específica) a comunicadores dixitais gastronómicos e de viaxes.
O
obxectivo, como dixemos, foi amosar o potencial do concello
pontevedrés perante as nutridas comunidades de seareiros destes
referentes dixitais: milleiros de lectores na Internet e nas redes
sociais. Entre os blogs convidados atopábanse Galicia Máxica,
Seseixa Galicia con Niños, Galicia Mola, Caminante del
planeta, Trucos Viajeros, Alvientooo, Petiscos
Galegos, Descubre cada día, Monster´s Place ou
Pedro Trasende de Aporta Comunicación.
Segundo
informou o Concello, esta innovadora aposta tivo un gran impacto
mediático nas redes sociais. Ademais das diferentes publicacións en
Twitter, Facebook e Instagram e as pegadas do evento en prensa,
radio e televisión, a experiencia logrou ser trending topic a
nivel nacional baixo o cancelo #SaboresdeArbo, que superou os 15
millóns de impactos en Twitter. “Con isto”, informou o Goberno
local, “conseguimos que a lamprea do miño, os viños albariños,
os condados e escumosos con Denominación de Orixe Rías Baixas, ou
as incríbeis paisaxes coma a da Ponte de Mourentán e a Ruta das
Pesqueiras chegaran a millóns de usuarios na Rede”.
O
programa de actividades arrincou o sábado co recibimento dos
participantes no Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, e a
posterior baixada á praia fluvial da estación, onde entraron en
contacto coa Irmandade dos Cabaleiros da Lamprea. Pola tarde houbo
unha cata de viños das adegas de Arbo, á cal asistiron
representantes das explotacións vitivinícolas da localidade, ao que
se engadiu unha explicación histórica do devandito museo. O domingo
arrincou coa visita a unha das pesqueiras do río Miño, onde Jose
Antonio Nieto, lampreeiro desde os 11 anos, mostrou as ancestrais
técnicas de pesca deste singular e reputado peixe, seguido dun
percorrido polo sendeiro dos pescadores. A experiencia rematou ao
cabo da xornada na praza do Consitorio, asistindo os participantes ao
desfile do Entroido local.
En
palabras do alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, esta iniciativa
“formou parte da importante estratexia de promoción e publicidade
que a localidade está a levar a cabo na Internet e redes sociais”.
O rexedor engadiu que as xornadas, “pioneiras en innovación e
efectividade”, tentaron adaptarse ás novas tecnoloxías que
“nestes momentos son o medio de comunicación que máis chega e
utilizan os visitantes”, dando como resultado “unha experiencia
moi produtiva e reconfortante”. Ademais agradeceu o importante
traballo despregado polos blogueiros.