Arkitas, FEGAMP e CPEIG organizan a cuarta edición galega da Olimpíada de Robótica

martes, 3 de abril do 2018 Redacción

O vindeiro 30 de xuño, de 9:00 a 15:00 horas, celebrarase en Santiago un gran acontecemento ligado á intelixencia artificial, a automatización, as máquinas con capacidade de aprenderen (e de sorprendernos) e, sobre todo, ao espírito argalleiro e creador da nosa rapazada. Estamos a falar da cuarta edición local da WRO, a Olimpíada Internacional de Robótica, na Cidade da Cultura no Gaiás, iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Arkitas Robótica.
Segundo nos conta o colexio profesional que preside Fernando Suárez, a WRO é unha olimpíada na que nenos e nenas de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten cos seus robots en distintas categorías e retos segundo idades. Esta competición conta cunha fase local, unha nacional, que este ano será en Platja d’Aro, Girona, e a internacional, que terá lugar en Tailandia en novembro de 2018.
Na segunda edición, clasificouse un colexio da Coruña na nacional en Logroño, conseguindo unha praza na internacional de Nova Delhi.
Para informarrnos sobre os retos da WRO e a realización de inscricións, o CPEIG recorda que podemos dirixirnos www.wroboto.es.
Ademais da WRO e, pensando naqueles que non compitan nesta e queiran probar outras especialidades, celébrase o II Campionato de Sumo Arkitas e o I Campionato de Bolos Robóticos. Para informarnos sobre as bases e inscribirse ao Campionato de Sumo ou ao de Bolos, ou para calquera dúbida ou ampliación de información sobre a WRO, desde Arkitas Robótica, como socios locais da WRO e organizadores das distintas actividades do evento do 30 de xuño, están á nosa disposición a través da conta de correo info@arkitas.es.

PUBLICIDADE