Army Moves prepara o seu reboot
mércores, 18 de setembro do 2024
Dinamic Software vén de anunciar que pecharon un acordo con Dunwich Studio para a creación do xogo Army Moves Overdrive, o reboot do clásico Army Moves que Dinamic lanzou en 1986 converténdose en todo un símbolo da idade de ouro do software español.
O novo xogo busca manter elementos do xogo orixinal, para satisfacer aos nostálxicos, pero adáptase aos tempos actuais, nunha curiosa reintepretación da Segunda Guerra Mundial na que tomaremos o control de Derdal, un soldado do equipo de operación especiais, que terá que superar numerosos desafíos con mecánicas de xogo de desprazamento horizontal na liña do título orixinal, pero con moitas novidades e sorpresas.
Dende Dinamic adiantan que a finais de mes a primeira versión do xogo presentarase en Barcelona dentro do evento IndieDev Day, aínda que para gozar do título final haberá que agardar a finais de 2025, cando está previsto que o xogo chegue ás principais plataformas.
Vídeo de adianto de Army Moves Overdrive