Arno Formella opta á reelección como director da Escola Superior de Enxeñaría Informática
mércores, 18 de marzo do 2026
A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense está a celebrar eleccións para renovar a súa dirección, tras cumprir o actual equipo, encabezado polo profesor Arno Formella, os tres anos de mandato desde que foi elixido en 2023. Este venres 13 realizouse a proclamación definitiva de candidaturas e a única proposta presentada é a de Arno Formella, que optará á súa reelección. A votación da xunta de centro terá lugar o vindeiro martes 24 de marzo.
Procedente da Universidade de Saarland (Alemaña), onde obtivo o título de doutor no ano 1993, Arno Formella incorporouse no curso académico 1999/2000 á Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo. É profesor do Departamento de Informática, ten ao seu cargo o Laboratorio de Intelixencia Artificial LIA2 e é coordinador do programa de doutoramento en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables.
Foi o primeiro director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, desde a súa implantación no ano 2015 ata o ano 2020, e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática desde o ano 2023 ata a actualidade. Polo seu traballo de docencia, de investigación e de transferencia ten actualmente seis quinquenios e cinco sexenios recoñecidos, destacando no eido da Enxeñaría Informática o desenvolvemento dos sistemas operativos de abordo dos primeiros picosatélites da UVigo (XatCobeo, HumSAT-D e Serpens).
O equipo co que se presenta á dirección da escola é de continuidade, estando formado por Alma Mª Gómez, Mª Encarnación González, Adrián Seara, Francisco Javier Rodríguez e Eva Mª Lorenzo Iglesias. Así, agradecendo e pondo en valor o traballo realizado polo equipo durante a etapa que agora remata, Arno Formella salienta que a decisión de volverse a presentar tomouna tendo en conta que “todo o equipo anterior tomou a decisión de afrontar o reto de continuar e prestar o seu tempo, as súas gañas e a súa ilusión para manter a ESEI a flote”.
No mandato desenvolvido, subliña Arno Formella, a Escola Superior de Enxeñaría Informática non deixou de medrar, coa implicación dos diferentes colectivos universitarios (alumnado, persoal docente e investigador e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos). Neste senso destaca que “na actualidade os dous graos que nela se imparten (Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial), os dous mestrados (Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial) e os programas conxuntos que oferta (Enxeñaría Informática-Intelixencia Artificial, e Enxeñaría Informática-Administración e Dirección de Empresas) e o Programa Académico con Percorrido Sucesivo de Grao e Mestrado de Enxeñaría Informática, en conxunto xa suman a case 1000 estudantes, cifra que nos sitúa no posto cinco de todos os centros da Universidade de Vigo”.
Neste mapa de titulacións, subliña que este curso académico sairá ao mercado laboral a primeira promoción de graduadas e graduados en Intelixencia Artificial e a posta en marcha tamén este curso do “dobre grao" de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática, “como nova oferta que complementa o abano no eixe da informático en Ourense”.
Entre os desafíos da nova andaina que arrincará en caso de saír elixido, Arno Formella destaca que está “mellorar os recursos para afrontar os futuros retos con tal cantidade de estudantes e profesorado”. Entre os aspectos concretos a desenvolver nun novo mandato, que xa tería unha duración de seis anos, apunta que está implantar a modificación do Plan de Estudos do Grao en Enxeñaría Informática segundo as novas normas, competencias e mencións.
