Arranca Inspira STEAM, o programa para espertar vocacións científicas entre o alumnado no que colabora o CITIC

mércores, 18 de xaneiro do 2023 S. P.

Este xoves 19 de xaneiro vai comezar unha nova edición do programa Inspira STEAM, promovido pola Universidade de Deusto e coordinado na Coruña pola investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña Verónica Bolón. O programa, segundo informou o CITIC, ten a finalidade de “fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes, especialmente entre as nenas”.
A nova edición dá comezo este 19 de xaneiro cunha xornada formativa en liña de cinco horas de duración destinadas a mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación. A formación será impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas.
O CITIC explica que unha vez realizada a xornada formativa desenvolveranse seis sesións de traballo en centros educativos de ensino primario da provincia da Coruña cos obxectivos de “facilitar ao alumnado referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM, sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, reivindicar as mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e nenos”.
Esta edición do programa tamén contará coa colaboración da cátedra NTT Data e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

Formación en Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas con enfoque práctico

JPEG - 71.1 KB
A investigadora do CITIC Verónica Bolón

Dada a súa utilidade na vida cotiá, espertar o interese entre os máis novos polas profesións STEAM (das siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) é un dos obxectivos estratéxicos do CITIC da UDC. Programas de estudos, sesións informativo-formativas e sinerxías con iniciativas desta índole son parte esencial do seu plan de acción.
Nesta ocasión, a investigadora do Centro Verónica Bolón, especialista en Intelixencia Artificial, colabora co programa que levará a diversos centros de ensino primario da provincia da Coruña as claves das disciplinas STEAM. Facelas interesantes, atractivas e achegar a súas múltiples aplicacións no desenvolvemento de diversos traballos na vida cotiá é unha das finalidades desta iniciativa. Transmitir un coñecemento transversal dos contidos e buscar un enfoque práctico seguindo o pensamento científico é tamén fundamental, segundo confirmou o CITIC, engadindo que o programa “busca, en definitiva, asentar as materias STEAM como eixo educativo en termos de igualdade de xénero e, ademais, salvar a barreira de asociar estas materias cunha maior dificultade con respecto ás de humanidades”.

PUBLICIDADE