Arranca a I edición do curso de dereito dixital e IA do traballo na UDC
martes, 15 de outubro do 2024
O salón de actos da Facultade de Dereito da UDC acollerá esta tarde, ás 16:00 horas, a inauguración do I Curso de Especialización en Dereito Dixital e Intelixencia Artificial do Traballo e Seguridade Social. O acto contará coa presidencia do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández.
O obxectivo desta formación é afondar no coñecemento e análise do impacto da dixitalización e da Intelixencia Artificial no eido laboral. Segundo explican dende a USC nun plano máis concreto, “tanto a IA como os algoritmos son instrumentos valiosos para calquera dos ámbitos sociais nos que nos desenvolvemos, e, polo tanto, tamén para o mundo das relacións laborais, polo que resulta crucial estudar o impacto da dixitalización do traballo no eido laboral, así como a incidencia destes algoritmos e a IA no dereito dixital do traballo”.
Os temas que se impartirán divídense en oito grandes bloques: delimitación xurídica dun novo espazo de actuación e de traballo; acceso ás fontes de coñecemento; intermediación laboral mediante a interacción dixital; o impacto da dixitalización na xestión do persoal na empresa; novas realidades no traballo por conta allea; o impacto da dixitalización do traballo no plano colectivo das relacións laborais; a eAdministración laboral e de seguridade social; a dixitalización da xurisdición social; e o papel dos axentes sociais no impacto da dixitalización das relacións laborais.
O curso vai dirixido ao alumnado do Sistema Universitario Galego (SUG) e a persoas profesionais relacionadas, directa ou indirectamente, co dereito dixital e que precisan coñecer o dereito do traballo e da seguridade social aplicábel.
A acción formativa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e novembro en horario de tarde, será impartida por profesionais de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional do Sistema Universitario Galego e do Sistema Universitario Español nas súas especialidades, con participación de profesionais das administracións publicas implicadas e do poder xudicial.