Arranca a quincena da ciberseguridade en seis aulas da rede CeMIT

martes, 17 de outubro do 2017 Redacción

A formación en materia de ciberseguridade centra as actividades da vindeira quincena en seis aulas da rede CeMIT, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que informa estas actividades formativas serán de balde, abertas a toda a cidadanía e que se van celebrar en xornadas de 3 horas desde as 11 da mañá ata as 2 da tarde, de luns a xoves, desde o 16 ata o 26 de outubro. A actividade está liderada desde a aula CeMIT de Cuntis, que se conectará a través de videoconferencia coas aulas de Bande, Boiro, Celanova, Oroso e Ortigueira, seguindo uns contidos formativos facilitados polo Instituto Nacional de Ciberseguridade-INCIBE.
AMTEGA tamén engade que estas actividades enmárcanse no proxecto do Banco de Tempo da rede CeMIT, que “facilita que unha das aulas guíe e comparta as súas iniciativas de formación coas restantes aulas participantes”.
Por certo que o único requisito para poder asistir a estas actividades gratuítas é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello - Bande, Boiro, Celanova, Cuntis, Oroso e Ortigueira-, ou a través da web http://cemit.xunta.gal.
Módulos formativos
Entre o 16 e o 26 de outubro desenvolveranse un conxunto de 8 módulos formativos de 3 horas cada un, co seguinte contido:
O meu ordenador é un zombie (luns 16/10/2017). Funcionamento das redes botnets, así como o seu proceso de creación e infección.
Fundamentos do análise de sitios web (martes 17/10/2017). Funcionamento dun sitio Web. Detección, identificación, análise e forma de explotar as vulnerabilidades web.
Análise de malware en Android (mércores 18/10/2017). Prácticas máis habituais de análise de malware en dispositivos Android.
Espionaxe e cibervixilancia (xoves 19/10/2017)Análise das diferentes técnicas e ferramentas utilizadas para realizar as labores de espionaxe e cibervixilancia.
Programación segura de sitios web (luns 23/10/2017). Identificación dos principais requisitos a ter en conta para desenvolver aplicacións web seguras.
Fundamentos do análise de sistemas (martes 24/10/2017). Identificación, análise e explotación das principais vulnerabilidades dos servicios soportados por un servidor.
Seguridade Wi-Fi (mércores 25/10/2017).Seguridade dos dispositivos Wi-Fi. Funcionamento dun punto de acceso falso.
Forense en windows (xoves 26/10/2017). En que consiste e principais técnicas do análise forense en sistemas Windows.
O Banco de Tempo da Rede CeMIT é unha iniciativa que xurde nas aulas da rede coa finalidade de compartir actividades e optimizar os medios dispoñibles, intercambiando actividades entre aulas a través de recursos como a videoconferencia de alta calidade.

PUBLICIDADE