Arranca en Lugo a primeira edición de TurisTalent 5.0
xoves, 25 de setembro do 2025
O Concello de Lugo puxo en marcha esta semana a primeira edición de TurisTalent 5.0, a aceleradora municipal de turismo e enogastronomía pioneira en Galicia. Segundo informou o Goberno local, a iniciativa contará con 12 proxectos innovadores que participarán nun proceso intensivo de acompañamento que se prolongará ata xaneiro de 2026. O inicio será este venres 26 de setembro no Edificio Impulso Verde co Talent Day, unha xornada de benvida, traballo colaborativo e primeiros pitches.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, explicou que con TurisTalent “reforzamos a competitividade do noso sector turístico e enogastronómico ao tempo que apoiamos o talento emprendedor que nace en Lugo.” Repetto incidiu en que “esta aceleradora nace cunha clara vocación de futuro: queremos que as ideas innovadoras que xorden arredor do noso patrimonio, da dixitalización ou da sostibilidade teñan un espazo para consolidarse e crecer desde Lugo.”
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que “TurisTalent 5.0 é unha oportunidade única para apoiar o talento emprendedor, impulsar ideas innovadoras e reforzar a competitividade do noso sector turístico e enogastronómico.
O Talent Day, explicaron, servirá como primeira toma de contacto cos equipos seleccionados, que participarán en dinámicas de traballo colaborativo, obradoiros prácticos e simulacións de pitch. Cada nova firma innovadora presentará a súa proposta en dous minutos, que serán gravados para a súa análise e valoración posterior. A xornada inclúe tamén sesións de perfeccionamento da comunicación con expertos e espazos de networking.
Proxectos seleccionados
Explicaron tamén que entre as firmas participantes atópanse propostas “moi diversas que abranguen desde experiencias turísticas inmersivas ata solucións dixitais de nova xeración”.
Por exemplo Lugo 5 Sentidos, que aposta por unha experiencia sensorial na cidade combinando visitas guiadas, degustacións e interacción histórica, mentres que Alma propón unha plataforma dixital de paquetes turísticos para poñer en valor o patrimonio menos coñecido dos municipios. No ámbito do Camiño de Santiago, Barvantia ofrece unha alternativa que une a viaxe en autocaravana ou camper con asistencia e vivencias locais.
A museoloxía innovadora chega da man de Master of Museums (LUCUS Arqueolóxico), que gamifica a visita a museos a través de tecnoloxía NFC, app e un códice físico. Pola súa parte, TheOK.app traballa en ferramentas de escoita activa para destinos intelixentes, e Raíces – Reconecta contigo presenta unha proposta de benestar baseada en baños de bosque, ioga e actividades híbridas.
Tamén destacan iniciativas dixitais como Tutapeo, que emprega Intelixencia Artificial para mellorar a visibilidade dos locais de hostalería e gastronómicos e crear rutas personalizadas, ou Saberes da Terra, centrado en turismo gastronómico e cultural con obradoiros, eventos e meal kits. A Casa da Memoria combina cultura, arte, memoria histórica e unha área camper sostible, mentres que Camino y Sabor aposta por experiencias enogastronómicas sustentables con produtores locais e rutas personalizadas.
O traballo remoto intégrase co turismo en WorkFromGalicia, que ofrece servizos para viaxeiros e peregrinos que desexen combinar estancia e teletraballo. Finalmente, Doris Repostería achega un proxecto de repostería galega artesanal, creativa e sostible, elaborada con ingredientes locais.
TurisTalent 5.0 é a aceleradora pública do Concello de Lugo que impulsa proxectos de turismo e enogastronomía con alto potencial de inversión e xeración de emprego. Este programa conta con catro fases: Academia (outubro-novembro de 2025), na que os proxectos seleccionados recibirán sesións de formación e mentoring personalizadas, así como networking con emprendedores e expertos sectoriais; TurisTalent Day (setembro 2025), como colofón da Academia presentaranse os proxectos ante o comité técnico, que avaliará cada un deles para pasar á seguinte fase; Aceleración (novembro 2025 – xaneiro 2026), traballo intensivo en escalabilidade, modelo de negocio e acceso ao mercado, cun acompañamento individual de mentores e especialistas; e o Investors Day (xaneiro 2026), no que se realizará unha presentación final ante un panel de investidores públicos e privados, tanto nacionais como internacionais. Esta fase final permite conectar directamente con potenciais socios estratéxicos, abrindo portas á captación de capital e á consolidación no mercado.
