Arranca en Lugo, en formato online, a sexta edición do Inicia Coworking
mércores, 14 de abril do 2021
Comezou
en Lugo a sexta edición do programa Inicia Coworking, que, como o
seu nome indica, vai dirixido a facilitar os instrumentos formativos
necesarios a quen queira comezar unha andaina profesional e
empresarial alternativa: colaborando con outras persoas emprendedoras
e nun ambiente cun marcado compoñente innovador e tecnolóxico. A
alcaldesa Lara Méndez deu esta semana a benvida aos participantes
da iniciativa, na que obteñen capacitación e asesoramento 26
persoas.
A
rexedora participou este martes na inauguración online da
sexta edición do programa Inicia Coworking, promovido polo Concello
coa colaboración da EOI (Escola de Organización Industrial) e
co-financiado polo Fondo Social Europeo. A alcaldesa estivo
acompañada da directora xeral da EOI, Nieves Olivera.
A
través desta iniciativa, ofrécese ás e aos participantes, de xeito
individualizado e totalmente gratuíto, formación e acompañamento
para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de
carácter emprendedor e innovador.
Por
segunda edición consecutiva, e con motivo da pandemia, esta
realizarase de forma online, a través da plataforma da EOI
Blackboart Collaborate, seguindo o modelo de ensinanza
e-learning.
Lara
Méndez subliñou que “este programa constitúe unha ferramenta moi
útil para innovar e desenvolver un proxecto exitoso nun momento de
especial dificultade pola crise que nos tocou vivir. Neste senso,
estamos moi satisfeitos de ter apadriñado aos primeiros
emprendedores de Lugo nacidos en pleno confinamento, a través da
quinta edición do coworking celebrada o pasado ano”.
Así, animou ás persoas seleccionadas este ano a “aproveitar esta
oportunidade”, e lembrou que da última edición, 15 participantes
conseguiron poñer en marcha os seus negocios, e atópanse facturando
actualmente, o que supuxo o 70% das inscruicións. Trátase de novas
empresas no campo do turismo, a enxeñaría, a hostalería, a arte, a
sustentabilidade e a innovación, entre outros.
Entre
os negocios a desenvolver este ano, boa parte deles impulsados por
mulleres, a maioría están relacionados co sector terciario (moda,
fotografía, gastronomía, cultura...) e coas novas tecnoloxías
(ecommerce, marketing dixital, desenvolvemento web,
ciberseguridade...).
