Arranca en catro colexios da Coruña a liga estatal de drons impulsada polo ITG

mércores, 27 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os drons métense nas nosas vidas, toda vez que demostraron plenamente as súas moitas utilidades sempre e cando se usen de xeito racional, seguro e ordenado. Sabiamos que poden salvar vidas, protexer o medio ambiente, promover turisticamente unha comarca ou mellorar o noso coñecemento xeográfico, pero se cadra estaba aínda por explotar o seu potencial como ferramentas formativas en si mesmas. Disto, de tirar partido dos vehículos aéreos non tripulados para estimular as vocacións científico-tecnolóxicas, trata en boa medida o ITG Maker Drone que vén de presentar o Instituto Tecnolóxico de Galicia, con sede na Coruña.
Trátase dunha nova actividade a medio camiño entre obradoiro e competición: a primeira liga intercolexial de drons que se organiza en España, dirixida a centros docentes e cun forte compoñente formativo e medioambiental. De feito, segundo nos conta Jorge Seoane Brandariz, responsábel de I+D da área de sistemas aéreos non tripulados do ITG (e coordinador desta iniciativa), o ITG Maker Drone apoia boa parte da súa actividade no lanzamento dun reto ambiental para os colexios, concretamente para os escolares de terceiro da ESO.
O obxectivo desta proposta de superación? Fomentar o uso educativo destes aparellos aéreos, promover o talento e as vocacións científico-tecnolóxicas, demostrar o potencial deste ámbito como profesión de futuro e promover o coidado do medio ambiente.
Nesta primeira edición, concibida como un proxecto piloto coa intención de ampliar o abano de centros en próximas edicións, participan os colexios coruñeses Obradoiro, Liceo La Paz, Franciscanas e Fogar de Santa Margarita.
A primeira fase de formación, dirixida tanto a profesores da materia de tecnoloxía como a 340 alumnos e alumnas, xa comezou e rematará no mes de decembro. Segundo informa o ITG, o día 11 de decembro celebrarase no auditorio da sede de ITG dos Cantóns (Fundación Barrié de La Maza) a presentación do reto específico que terán que deseñar durante os meses de xaneiro e abril de 2020.
“Coa formación específica que lles estamos a subministrar, as mozas e mozos deberán preparar xunto aos seus profesores unha solución electromecánica que permita ao dron resolver un reto ambiental”, explica Seoane, engadindo que en maio de 2020 desenvolverase a xornada final, “un evento no que se realizarán as demostracións das solucións deseñadas por cada un dos equipos participantes e no que un xurado, formado por representantes do ámbito académico, institucional e empresarial valorará os traballos presentados atendendo a criterios como o peso, o deseño, a creatividade ou a destreza na resolución do reto práctico exposto”.
Para Carlos Calvo, director do instituto galego responsábel do programa, “ITG Maker Drone é froito da responsabilidade do noso centro tecnolóxico en trasladar á sociedade a importancia e o valor do coñecemento tecnolóxico, de xeito se poida utilizar como ferramenta de axuda para a resolución de problemas que nos afectan a todos”. Trátase, engade, “dun reforzo educativo que permite mellorar o desenvolvemento do razoamento lóxico, o pensamento crítico e o traballo colaborativo”.

PUBLICIDADE