Arranca o primeiro programa acelerador de Conector Galicia con 5 firmas innovadoras

martes, 18 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Lalo García, director de Conector Galicia, durante a presentación da súa alianza con ABANCA

Conector Galicia, a nova aceleradora de firmas innovadoras galegas en fase “semente”, vén de pór en marcha o seu primeiro programa de pulo a proxectos tecnolóxicos e de Internet na nosa terra. E faino arrincando con cinco start-ups. Estes novos proxectos, a partir de agora, estarán cinco meses adestrándose e recibindo formación e asesoramento especializado para logo culminar o seu proceso de medre coa celebración dunha gran xornada de demostración, unha Demo Day que será, tamén, un foro de investimento privado en Galicia.
A aceleradora Conector Galicia, como lembraremos, foi impulsada en 2016 por algúns dos principais expertos en innovación empresarial da nosa terra, como por exemplo Rubén Ferreiro, director executivo de Viko, Eduardo Aldao, director de Innovación de ABANCA, ou Lalo García, fundador de Lancetalent, Knowledge Investors, Xebook; e colaborador de Redinvest CFV, ViaGalicia e Laconnetwork. Lalo García, por certo, é o director de Conector Galicia.
Volvendo ás cinco firmas innovadoras seleccionadas, foron elixidas de entre máis de 30 candidaturas, logo dun exhaustivo proceso de selección por parte dos socios e mentores de Conector Galicia que, a través dos seus votos, elixiron as mellores start-ups para o primeiro programa. Os proxectos seleccionados son: Aensis (plataforma que proporciona sistemas de ciberseguridade con visibilidade total da Rede, protección de espectro completo e seguridade proactiva fronte ameazas actuais e vindeiras), La Sal Style (firma centrada na moda e nas coleccións de roupa urbana casual, con edicións limitadas de prendas exclusivas), Mireiq (empresa que permite aos usuarios experimentar a fondo co mundo dos bolsos e e conformar con oito pezas intercambiábeis máis de 20 modelos diferentes, “levando a ultra personalización á moda”), Siccae Ventures (firma innovadora de moda e tendencias, moi centrada nas novas canles de creación e distribución arredor dos brazaletes de deseño) e Wannachek (un servizo centrado en achegar total seguridade nas transaccións que fan os usuarios na compravenda de vehículos).
Estes cinco proxectos contarán, durante os vindeiros cinco meses, cos seguintes beneficios: soporte e asesoramento diario do equipo de Conector Galicia; bonificacións (perks) valoradas en máis 400.000 euros e servizos profesionais valorados en 10.000; charlas de formación da man dos mentores da aceleradora; oficinas de balde; visibilidade no ecosistema emprendedor estatal; e acceso á rede de investidores e networking.
Ademais, cada proxecto formará o seu board de mentores, un consello de expertos que lles acompañará durante todo o programa e asesoraralles na súa estratexia de crecemento e vendas, mediante reunións periódicas individuais e en grupo.

PUBLICIDADE