Arredor de 200 persoas participaron en Ames no primeiro Día da AMTIC
luns, 12 de decembro do 2022
A Casa
da Cultura do Milladoiro acolleu este pasado sábado, 10 de decembro,
a primeira edición do evento tecnolóxico Día
da AMTIC,
no que participaron preto de 200 persoas ao longo de toda a xornada.
O evento foi organizado pola Concellaría de Cultura e Tecnoloxías
da Comunicación co obxectivo de dar a coñecer a nova aula AMTIC do
Milladoiro e ofrecerlle á veciñanza local
diversas actividades relacionadas co mundo da informática e
tecnoloxía.
O evento, con motivo do Día Mundial da
Informática que se conmemorou o pasado 9 de decembro, realizouse de
10:30 a 20:00 horas. Impartiuse un
obradoiro
de Administración
Electrónica,
que estivo especialmente enfocado na eSede
do Concello de Ames. Ademais, houbo dous obradoiros de impresión 3D,
para que os participantes aprenderan a usar o programa e puidesen
poñelo en práctica coas súas propias impresións. Tamén se
impartiu un taller sobre o programa de sofware libre de edición de
imaxes GIMP.
Por outra banda, instaláronse diversos
espazos permanentes: no auditorio da Casa da Cultura organizouse un
torneo de FIFA e no vestíbulo do propio centro sociocultural
desenvolveuse a actividade Xogando
con Nintendo Switch, no que os
asistentes puideron desfrutar desta consola. Tamén se organizou un
taller de hama beads
e outro de creación de espadas láser.
Por último, o doutor José Luis Montiel
Castaño impartiu unha charla denominada Adiccións
e videoxogos. Como evitar que o meu fillo me arruíne,
que puxo o foco na ludopatía como consecuencia do consumo excesivo
de aparellos de ocio tecnolóxico.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da
Comunicación, Natividade González, destaca “a boa acollida que
tivo esta primeira edición do evento tecnolóxico organizado pola
Aula AMTIC do Milladoiro. O obxectivo desta xornada foi ofrecer
actividades para usuarios e usuarias cun nivel medio en informática
e tecnoloxía”.