Arredor de 30 escolares participan mañá no Scratch Day do CPETIG

venres, 19 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Este sábado, 20 de outubro, celébrase na Cidade da Cultura a cuarta edición da xornada que o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) adica anualmente a divulgar as posibilidades creativas e de desenvolvemento que nos abren as novas tecnoloxías (robótica, informática, programación) dende a nenez. Falarmos do IV Scratch Day, organizado polo CPETIG coa colaboración da axencia AMTEGA e dirixido a escolares de entre 7 e 15 anos na compaña das súas nais e pais. Na xeira de mañá, a rapazada aprenderá a programación dun videoxogo no ordenador. Participarán arredor de 30 escolares.
Máis en detalle, o IV Scratch Day terá como finalidade “difundir os valores da programación informática entre os nenos e as súas familias”, de xeito que os participantes poden acceder ao mundo da programación “de maneira lúdica e divertida”, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento.
Asemade, o CPETIG pretende que esta iniciativa contribúa “a eliminar mitos en relación á programación informática” e a “superar desde a nenez os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento”, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital.
O CPETIG concibe esta formación no contexto da familia por considerar “decisiva” a implicación dos pais e as nais neste ámbito, “como apoio e motivación para que os seus fillos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar”.
A sesión, como dixemos, estará adicada á programación de videoxogos, sendo preciso que os asistentes leven o seu portátil, xa que non serven tabletas ou smartphones.
A formación do Scratch Day será impartida pola Asociación Programamos, dedicada a promover o desenvolvemento do pensamento computacional en todas as etapas escolares, a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles.

PUBLICIDADE