Arredor de douscentos profesionais acoden á xornada do CPETIG sobre informática xudicial e protección da información

venres, 10 de outubro do 2014 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, CPETIG, convocou este venres en Santiago a boa parte dos profesionais do ámbito galego e estatal con meirande experiencia nas cuestións tecnolóxico-policiais e tecnolóxico-xudiciais. A cuarta edición das Xornadas de Informática Xudicial foi inaugurada na Cidade da Cultura por Marcos Mata, presidente do CPETIG, perante a presenza de preto de dous centos de persoas procedentes de todos os recantos da nosa terra e da contorna española co obxectivo de afondar na intensa actividade xerada pola interrelación entre a informática e a xustiza. Máis polo miúdo, entre xustiza e redes sociais, móbiles, computación na nube e big data.
Ao carón de Marcos Mata, participaron na inauguración Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, Mar Pereira, presidenta de AMTEGA , e Víctor Salgado, director técnico da xornada e avogado do Bufete Pintos&Salgado, especializado en materia TIC. Salgado amosou a súa confianza en achegar un evento útil, uns relatorios e uns debates con capacidade para mellorar o noso coñecemento xurídico da Sociedade da Información e a eficacia e idoneidade dos procedementos. O director técnico da xornada deu paso ao primeiro relator do evento, Jorge Campanillas, avogado con longa experiencia no ámbito das novas tecnoloxías quen ofreceu no seu relatorio un achegamento ao Big Data, o dereito á privacidade e a proba electrónica. Máis polo miúdo, quixo centrar a súa intervención en fornecer un gran de area na procura de recursos que nos protexan entre a maré crecente de coñecemento e posibilidades de comunicación.

O avogado Jorge Campanillas, relator na xornada do CPETIG

Para comezar, sinalou que vimos de pasar da sociedade en Rede (xa estamos conectado e os datos hai tempo que iniciaron o voo) á sociedade do dato. Ou sexa, a unha era onde a información é a tractora económica máxima, o ben principal. “Somos cidadáns sensores”, explicou, “cidadáns que achegamos comunicación e información alí por onde pasemos”. Este proceso, engadiu, estase a intensificar coa chegada imparábel das Cidades Intelixentes. A sociedade do dato, dixo, é unha sociedade onde a información é tratada, separada e atomizada. “Chegados a este punto, o que temos que preguntarnos é até onde chega o noso dereito de propiedade e privacidade sobre os datos”, engadiu. Na súa opinión, nun nivel superior na escada dos datos sitúase o concepto de Big Data, un nivel onde se incrementa o risco de perdermos o control sobre a nosa información (“Coñecemos os sistemas que se están a realizar cos nosos datos persoais?”, preguntou aos asistentes), polo que resulta máis preciso que nunca, dixo, que a cidadanía tamén faga por ampliar o seu coñecemento sobre a normativa actual en materia de protección, e a conseguinte aplicación da mesma. Para empezar, lembrou o artigo 18.4 no que se di que “a lei limitará o uso da informática para garantir a honra e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos”. Na súa opinión, un dos principais atrancos cos que nos podemos atopar neste ámbito da protección é a entrada en xogo de máquinas en liña que toman decisións sobre os nosos datos, ou dos algoritmos dos buscadores e dos sistemas expertos. Ante isto, dixo, debemos facer prevalecer idénticos dereitos e acadar que todos os métodos e os elementos que entran en xogo no proceso de tratamento de datos se publiciten ao detalle (o método a seguir, os suxeitos que os efectúan e o algoritmo que se emprega para obter conclusións).

PUBLICIDADE