Arredor do 33% das familias viven aínda de costas á TDT

mércores, 9 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Para quen non se acorde, cómpre relembrarlle a data de apagamento analóxico porque disto ten que tratar tamén esta web, de relembrar cousas vinculadas ao dixital. Pois ben, está fixada polo Goberno para o día 3 de abril do vindeiro ano. A data en cuestión, se mire por onde se mire, está preto de abondo, polo que sería de supoñer que a maior parte dos deberes estiveran feitos. Porén, cada pouco chegan informes que indican todo o contrario para unha boa parte das comunidades que entran en xogo no proceso (todas, o queiran ou non). Segundo datos subministrados por TNS-Sofres e reflectidos por El País, a porcentaxe de fogares que aínda non recibe sinal de TDT (polas razóns que sexan) é grande de máis e, polo tanto, preocupante de máis: anda a rentes da terceira parte dos mesmos. Ou sexa, case o 33%.
Os motivos desta falta de previsión perante os novos tempos que de xeito inevitable están a piques de chegar son moitos e variados. Unhas veces ten que ver co desleixo e coa falta de coordinación das entidades responsables do despregamento da TDT e outras coa ausencia de interese ou de información por parte dunha boa parte dos teoricamente beneficiados, os cidadáns. Tampouco se pode deixar de lado o factor económico, xa que para unha parte dos interesados ben poden ser inasumibles estes cambios.
Resultado: conscientemente ou non, unha boa cantidade de fogares están aínda de costas á TDT, sen receptor e coa antena convenientemente adaptada ou ben sen antena pero con receptor. E tamén se dá o caso, arestora, de familias e familias situadas en lugares máis ou menos afastados que non reciben sinal desta nova tecnoloxía.
Segundo o informe de TNS-Sofres, Euskadi ocupa o primeiro posto no máis que dubidoso ranking de fogares desconectados, con case a metade das familias pendentes do proceso de dixitalización. Con todo, cómprenos ser cautos con este dato, sobre todo se temos en conta que Euskadi non destaca por estar á cola en materia de uso das novas tecnoloxías. Estímase que a razón desta alta porcentaxe pode estar na presenza ampla do cable. Pola contra, as Illas Canarias ocupan un posto de privilexio, cun 78,7% de fogares con TDT, seguidas de Madrid e Cataluña, que presentan unha taxa de tres de cada catro.
Por certo que o nivel de cobertura da Televisión Dixital Terrestre estaría arestora no 96%, segundo as últimas referencias, polo que é de supoñer que de todas as familias que viven aínda unicamente no analóxico, só unha parte se verán decisivamente prexudicadas por ese 4% de escuridade dixital.

PUBLICIDADE