Arrinca Connet-19, a aceleradora de empresas galegas contra a COVID-19

venres, 26 de xuño do 2020 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole de Ourense (San Cibrao das Viñas) e a Xunta de Galicia veñen de pór en marcha unha aceleradora de empresas innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á COVID-19. Neste programa, denominado Connect-19, poderán participar ata 20 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.
Este venres 26 de xuño informouse da iniciativa coa participación da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen sinalou que o obxectivo do programa é “impulsar a competitividade das pemes galegas con produtos e servizos innovadores que ofrecen solucións fronte á COVID-19 apoiándoos na súa comercialización, no marco do Plan de Reactivación e Dinamización da Economía de Galicia”.
O programa terá unha duración de cinco meses e contará cun orzamento de preto de 600.000 euros. As empresas recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica, ao tempo que se potenciará a súa capacidade de captación de financiamento. Para iso seguirase unha folla de ruta personalizada enfocada a fortalecer o acceso ao mercado de cada un dos proxectos.
Entre outros aspectos, as pemes participantes recibirán apoio para obter acreditacións de innovación e certificacións referentes ás normas e directivas sanitarias, así como para avanzar na comercialización e internacionalización dos seus produtos ou servizos, identificando novos mercados potenciais. Así mesmo, axudaráselles a captar socios investidores.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 10 de xullo. Poderán presentarse empresas de calquera sector que conten cun produto ou servizo innovador que poida contribuír á loita contra o impacto producido pola crise da COVID-19 e que sexa susceptíbel de incorporarse ao mercado decontado. As solicitudes deberán presentarse a través da web específica do programa, que tamén se presentou este 26 de xuño.

PUBLICIDADE