Arrinca a II Feira de Emprego do Barbanza poñendo o foco nas posibilidades da IA

mércores, 14 de maio do 2025 S. P.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, abriu este mércores a II Feira de Emprego do Barbanza que promove o Concello de Boiro e que se celebra ata este xoves 15 de maio no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira co obxectivo de “facilitar a relación entre o tecido empresarial e as persoas demandantes de emprego”.
O alcalde puxo en valor o traballo que se realiza para a formación para o emprego: “Fixemos unha forte aposta polo emprego e tamén pola formación para o emprego, dándolle vida a este centro no que están a formarse entre 300 e 400 persoas cada ano en habilidades orientadas ás demandas dos sectores produtivos da comarca. Os froitos desa aposta estámolos a recoller agora pois, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, Boiro é o terceiro concello de España que máis medra en emprego no ano 2024”.
E engadiu: “Temos que seguir traballando e seguir dando pasos para seguir liderando o emprego non só en Galicia senón tamén no conxunto do Estado e iso ímolo conseguir coa ampliación do polígono industrial para que se asenten novas industrias, a ofrecendo formación acorde ás saídas profesionais e perfís que precisan as empresas”.
Durante a mañá desenvolvéronse dous foros de debate sobre a Intelixencia artificial e a economía circular. O primeiro deles estivo moderado por Jorge Teixeira, enxeñeiro en Informática, e contou coa participación de Diego Vázquez, director executivo (CEO) de Newmind innovatio e NM-IOT SL; Juan José Manso Carballo, fundador de GFM-Ideas; Pablo García; CEO da Prana AI; e Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego da Consellería de Emprego. Nesta primeira mesa conversouse sobre o impacto da IA no mercado de traballo e na sociedade, como pode a Intelixencia Artificial promover novos empregos, os usos que a IA pode ter no ámbito profesional e laboral e as oportunidades futuras que se abren gracias á súa aplicación.
O segundo foro da maña, Economía circular: unha aposta polo futuro do emprego, estivo moderado pola xerente da mancomunidade, Fátima Cachafeiro, e contou coas intervencións de José Manuel Fernández, subdirector da oficina económica de Galicia do IGAPE; José Peleteiro de Ecoplas; Elena Fontán de Orixe Salgada; e Josefa de León, de Viratec. Nesta mesa tratouse a reciclaxe e a reutilización de materias primas para manter un entorno sostible, os novos produtos e servizos vinculados coa economía circular que empregan as distintas empresas, así como a aparición de novos empregos e cales van ser os retos da economía circular.
A II Feira de Emprego do Barbanza continúa este xoves con obradoiros enfocados a persoas demandantes de emprego: Orientación profesional: accións formativas para persoas desempregadas e accións formativas de formación profesional que estará impartido por Recursos Galicia SL; Procura activa de emprego, impartido por Nortempo ETT; e Creando mañá: como converterte no propietario da túa empresa, impartido pola Asociación Boirense de Empresas (ABE).