Arrinca a beta do multi-xogador de Uncharted 4

xoves, 3 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Dende hoxe, e até o día 13, os xogadores que conten cunha copia física ou dixital de Uncharted: The Nathan Drake Collection e sexan usuarios de PlayStation Plus (recoméndase que conten como mínimo cunha conexións á Rede con 1 Mbps tanto de baixada como de subida) poderán gozar da beta multi-xogador do agardado Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón.
Para poder acceder a esta descarga duns 7 GB de tamaño os usuarios teñen que colocarse sobre a icona de Uncharted: The Nathan Drake Collection (para o que teñen que introducir o disco do xogo no caso da versión física), ir a Información Xeral, seleccionar a beta multi-xogador de Uncharted 4 e premer o botón X para iniciar a descarga dende a PlayStation Store.
Estamos ante unha boa oportunidade para probar varios aspectos do multi-xogador de Uncharted 4, entre os que se inclúe a infraestrutura en liña (de aí que poidan xurdir problemas durante as probas, así como algunha parada técnica), experiencia que axudará a dar forma á versión final deste modo no xogo.
Na beta podemos empregar distintos personaxes da franquía de Uncharted, como Nathan Drake, Sully, Elena, Sam, Katherine Marlow e Lazarevic, cos que podemos gozar de dous mapas (Island e Madagascar City) e o modo Team Deathmatch. Algúns elementos que tamén estarán presentes serán os Mysticals (elementos sobrenaturais que axudarán a conseguir a vitoria), os compinches (personaxes non xogables con distintas habilidades que servirán de axuda), e tamén distintos elementos cos que equipar aos personaxes que podemos mercar na tenda do xogo (e para a que contaremos cunha recompensa de 150 euros a primeira vez que nos conectemos á beta).
Durante os días da beta Naughty Dog tamén ofrecerá desafíos que os xogadores poderán superar para gañar reliquias que logo poden empregar na tenda multi-xogador.

Vídeo promocional da beta do multi-xogador de Uncharted 4

PUBLICIDADE