Arrinca a cuarta edición de Ciencia e Tecnoloxía en feminino, no que participa a Tecnópole
martes, 26 de outubro do 2021
- Patricia Argerey, directora da axencia autonómica GAIN
O
Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto
Ciencia
e Tecnoloxía en feminino, promovido pola Asociación de
Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está
integrado. O obxectivo desta iniciativa é “lograr que aumente a
porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou
Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten por carreiras de
Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas (STEM); debido á
súa baixa participación nestas materiais”.
A
cuarta edición do proxecto arrancaba na mañá deste 26 de outubro
en 19 parques e múltiples centros de educación Secundaria de toda
España. A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN),
Patricia Argerey, foi a encargada de presentar esta nova edición
desde Galicia. Na súa intervención fixo referencia “á
desigualdade da muller na ciencia e a tecnoloxía” e salientou que
“é preciso reducir a fenda de xénero nos estudos e nas profesións
STEM”. E engadiu: “Necesitamos incrementar o número de rapazas
que se deciden polas especialidades de Ciencia, Tecnoloxía,
Enxeñaría e Matemáticas, por iso desde Tecnópole queremos poñer
o noso gran de area para contribuír a que esta realidade cambie e a
que poidamos avanzar cara a unha economía máis innovadora, dixital,
sostible e competitiva”.
Este
programa diríxese a estudantes de 1º a 3º da ESO e tamén está
aberto aos últimos cursos do ensino primario, que poderán
participar nunha serie de xornadas e actividades organizadas polos
diferentes parques colaboradores ata o mes de abril de 2022.
Tecnópole
vai celebrar tres xornadas os días 9, 10 e 11 de febreiro de 2022
(coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia),
nas que se convidará a mulleres que traballan nos eidos da ciencia e
a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia “de xeito práctico
e interactivo”, co fin de que “o alumnado teña a oportunidade de
coñecer de preto ás profesionais, interactuar con elas e descubrir
as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas”.
Haberá obradoiros prácticos de temática científica e tecnolóxica
(robótica, enerxías renovábeis, matemáticas védicas,
nanotecnoloxía, programación ou creación de videoxogos…).
Os
centros xa poden contactar con Tecnópole para participar nestas
xornadas.
As
rapazas e rapaces poderán participar ademais no concurso nacional
Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento
Sustentábel. Estes retos están vencellados coa saúde e
o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesíbel e non
contaminante, o medre económico ou a acción a prol do clima. A
gañadora ou gañador nacional darase a coñecer nunha xornada que
terá lugar en Madrid en abril de 2022.
Os
participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en feminino
recibirán dúas guías. Por unha banda Que quero ser de maior?,
a través da que se busca reivindicar as vocacións científicas e
tecnolóxicas entre as rapazas. Nela recóllense as saídas
profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se
desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa
utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía Que son as
tecnoloxías disruptivas? mostrará algunhas das novas
tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo -como a cadea de
bloques, a análise dos datos a gran escala, a Intelixencia
Artificial, a 5G, a ciberseguridade ou a computación cuántica- e as
súas posíbeis saídas profesionais.
Amais,
o alumnado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron el
mundo, protagonizada por mulleres destacadas en ciencia e
tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia; e a
exposición Mulleres que cambian o mundo, na que se destacan a
aquelas profesionais do ámbito dos parques científicos e
tecnolóxicos que na actualidade están a desenvolver un importante
labor nestes eidos. Máis de 150 referentes femininos históricos e
actuais.