Arrinca a feira virtual Finde.U quebrando todas as expectativas

martes, 21 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

Comezou este martes 21 a Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.U e fíxoo ao grande. Ou sexa, superando as expectativas en cifras de estudantes e licenciadas/os ofrecendo o seu talento e a súa formación ao servizo das empresas e entidades europeas a través da Rede. En termos máis concretos, esta nova edición (a segunda) do evento virtual comezou a súa andaina con 2.000 persoas demandando emprego e 110 empresas amosando vacantes, o que se traduce en 465 ofertas laborais. Ademais, hai participantes de máis dunha ducia de países. Segundo informan os organizadores da feira (as universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro) estes números deixan pequenos os da edición anterior da Finde.U, que xa de por si resultaban positivos (na convocatoria de 2016 participaron 78 empresas e ofertáronse 1.324 postos de traballo).
A cita prolongarase ata o venres 24 e ata entón o alumnado e os licenciados destas tres universidades teñen ao seu dispor, en palabras das entidades organizadoras, “unha xanela dixital coa que acceder a unha oportunidade laboral, en España, Portugal ou en calquera dos outros 17 países presentes na feira”.
Entre as empresas que fornecen stands virtuais no evento atópanse algunhas especialmente representativas do ámbito TIC, como Huawei, Indra, Fujitsu ou a galega Televés. En total, a feira abrangue 134 postos de información en liña 60, procedentes de Portugal, 44 de España e o resto dunha lista de 15 países entre os que se atopan Malta, Italia, Holanda, Finlandia, Polonia, Irlanda, Alemaña, Suecia ou Noruega. Segundo informan os organizadores, recuncan as empresas da primeira edición e súmanse outras moitas novas. Tamén engaden que se publicaron xa 465 ofertas de emprego, bolsas e prácticas, o que se traduce en 2.000 vacantes, “xa que moitas destas ofertas ofrecen varios postos”. Nesta ocasión participan firmas procedentes de todos os sectores: novas tecnoloxías da información (Huawei, Televés...); automoción (CTAG, Faurecia...); alimentación (Coren, Lusiaves...); hostalaría e turismo (Hotusa, TuriAzores...); vendas, comercial e moda (Bricomart, Leroy Merlin...).
Con respecto á situación académica e laboral destes demandantes de emprego, arredor de 1.200 son xa titulados e atópanse en pleno proceso de busca de emprego, 400 aínda non remataron os seus estudos e 365 están xa a traballar e buscan a través desta feira mellorar a súa actual situación laboral. “Hai inscritos da maior parte das áreas de coñecemento, pero sobre todo da rama económico-empresarial, enxeñaría (Industrial, Telecomunicación e Informática), ciencias da saúde, ciencias, ciencias sociais e dereito”, explican os organizadores, que lembran que a feira virtual completarase a finais de ano con dúas feiras presencias, unha en Porto, que se celebrará do 17 ao 18 de outubro, e outra en Vigo, do 24 ao 25 do mesmo mes.

PUBLICIDADE