Arrinca a nova campaña da Deputación para desmontar prexuízos co galego: #NaLinguaConOrgullo

martes, 1 de xullo do 2025 S. P.

Co lema #NaLinguaConOrgullo iníciase este 1 de xullo a campaña coa que a Deputación da Coruña, a través da Área de Lingua, debulla unha escolma dalgúns dos máis comúns prexuízos que obstaculizan o uso da lingua galega con normalidade na vida cotiá das persoas.
A deputada de Lingua, Soledad Agra, lembrou que a reflexión sobre estas inercias é “un chanzo necesario” no camiño para que individual e colectivamente, comprendamos o seu impacto. #NaLinguaConOrgullo súmase así ás iniciativas da Deputación para “dar alento e contribuír a unha sociedade respectuosa e orgullosa da nosa cultura e protagonista na dinamización da nosa lingua”.
Contra dúbidas e desprezos na ciencia, na tecnoloxía e nas redes sociais
As dúbidas das pequenas empresas e autónomos para encargar publicidade e materiais en galego, os desprezos acerca do uso da nosa lingua para falar de ciencia ou tecnoloxía ou os reparos para usar o galego para mocear ou para crear contidos para as redes sociais, son algúns dos outros temas dos que se ocupa #NaLinguaConOrgullo. Nese sentido, a campaña, que inclúe á vez os cancelos #NaLinguaConOrgullo e #DesmontandoPrexuízos, quere contribuír á toma de conciencia sobre estas situacións e ser estímulo “para que as persoas asuman un rol afouto e protagonista no futuro da lingua galega”, sinalou Agra.
Charlas e contidos didácticos
Como parte da iniciativa #DesmontandoPrexuízos, poñeranse tamén ao servizo do profesorado un conxunto de materiais pedagóxicos interactivos, que permiten acompañar unha sesión didáctica nas aulas sobre o libro Galaicofobia, de Alexandre Peres Vigo, obra que analiza factores e claves históricas dos prexuízos que contribuíron a que ducias de xeracións galegas se distanciasen da súa lingua e cultura.
A Deputación da Coruña impulsa esta iniciativa na convicción de “que o coñecemento da raíz e orixe destes prexuízos é necesario para que comprendamos o seu efecto na vida dos nosos devanceiros e as consecuencias no contexto actual”.