Arrinca a quinta edición do programa de inmersión lingüística 21 días co galego e +

martes, 24 de xaneiro do 2023 S. P.

Volve o programa de inmersión no galego concibido no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, a través do cal convídase ao alumnado de secundaria a vivir preto de tres semanas vivindo, pensando, comunicándose e creando en galego. Estamos a falar do programa 21 días co galego e+, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e cuxa proposta orixinal (agora amplificada a máis centro polo dito departamento da Consellería de Educación e Cultura) ten o seu xermolo no IES da Pobra. A nova edición (a quinta) foi presentada este martes 24 de xaneiro. Participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. A cita foi no IES Rafael Dieste da Coruña, participante na iniciativa. Tamén interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do dito instituto, Mateo Torres, e a profesora e creadora da iniciativa, Pilar Ponte.
Segundo fixeron saber, esta nova edición desenvolverase en 12 centros galegos entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro. Participarán 4.564 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, “unha cifra que supera nun 20% a do ano pasado e que supón, ademais, a máxima participación nos cinco anos de traxectoria que suma esta iniciativa de dinamización lingüística”, sinalaron.
Por certo que ao acto de apertura de hoxe na Coruña iranse sumando, nos días vindeiros, cadansúas inauguracións nos 11 centros adscritos restantes.
Baixo o lema Falando para un mundo mellor, co que se busca “motivar á rapazada a medrar no uso do galego”, o alumnado do último ciclo de Primaria, ESO, Bacharelato e FP intensificará voluntariamente a súa expresión en galego durante os 21 días que funciona o programa. Disto quedará constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, no que se mostrarán as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter.
No acto de inauguración tamén se fixo saber que 21 días co galego e + manterá a colaboración externa co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas; e co programa Dígocho eu!, da CRTVG, que terá encontros co alumnado dos 12 centros educativos.
Como novidade, este ano celebrarase o I Encontro 21 Días co Galego e +, que reunirá o alumnado de todos os centros participantes o vindeiro 28 de febreiro no Gaiás para compartir moita lingua a través das súas experiencias no programa.
Centros participantes
Os centros participantes varían cada ano e, por segundo ano consecutivo, son 12. Neste curso 2022/23 o programa desenvolverase no IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), IES de Melide (Melide), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e CPR Divino Maestro (Santiago), todos eles na provincia da Coruña; no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús (Ribadeo) e IES María Sarmiento (Viveiro), na provincia de Lugo; no IES Nº1 do Carballiño (O Carballiño) e CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), en Ourense; e no CPI Plurilingüe Alfonso VII (Caldas de Reis), CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios (Nigrán), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) e IES A Basella (Vilanova de Arousa), na provincia de Pontevedra.
Na inauguración explicouse tamén que “esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas”. Como dixemos, ten a súa orixe na experiencia posta en macha en 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas.

PUBLICIDADE