Arrinca a vertente formativa do proxecto boirense de emprendemento e innovación Lab Barbanza

xoves, 24 de setembro do 2020 S. P.

Este xoves 24 de setembro deu comezo o programa de actividades formativas do proxecto Emprende – Lab Barbanza, que desenvolve o Concello de Boiro, coa colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE) e con financiamento da Deputación Provincial da Coruña, co obxectivo de fomentar o emprendemento innovador e colaborativo a nivel local e comarcal. Na apertura institucional participaron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o concelleiro de Comercio e Industria, Marcos Fajardo; o presidente da ABE, Daniel García; e o xerente da ABE, Tomás Estévez.
Segundo fixeron saber, o programa Emprende Lab Barbanza busca “impulsar e fortalecer o ecosistema emprendedor actual da comarca do Barbanza, con novas empresas baseadas no talento, a innovación e o rápido crecemento”.
Na mañá deste xoves celebrouse a primeira xornada de actividades de capacitación e adestramento, dirixida a todas as persoas participantes no programa e tiña como obxectivo ofrecer información útil sobre o programa, o cronograma e obxectivos do mesmo, así como dar a coñecer, a outros participantes, todas as propostas emprendedoras que forman parte de Lab Barbanza.
A actividade de estrea realizouse no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira, onde se atopa o Centro Coworking do Concello de Boiro. As persoas participantes no Lab Barbanza coñeceron nesta xornada inicial as instalacións para traballo e formación e recibiron tamén unha charla, de carácter inspiracional sobre o ecosistema emprendedor, de Antonio Casal, o co-fundador e director executivo de empresa galega do ámbito tecnolóxico Livetopic, referente actual das startups dixitais da nosa terra, centrada en achegar aos cidadáns, a través dunha innovadora aplicación, métodos e recursos para mellorar a súa situación económica.

PUBLICIDADE