Arrinca con forza o Bono Turístico autonómico, con 8.000 bonos descargados en tres horas

xoves, 4 de xullo do 2024 S. P.

A Xunta fixo un primeiro balance da traxectoria realizada pola nova campaña do Bono Turístico autonómico, que en palabras do Goberno galego “arrincou a moi bo ritmo, cun centenar de bonos turísticos emitidos por minuto nas primeiras horas e cun balance de preto da metade dos bonos descargados a media mañá deste 4 de xullo”. O prazo para as descargas comezou ás 9,00 horas e ata o mediodía descargáronse preto de 8.000 bonos, dos máis de 16.000 que están dispoñíbeis para a súa descarga en dispositivos.
Os usuarios que desexen facerse cun bono turístico da Xunta pódeno facer a través da páxina web do Bono Turismo. Son bonos en formato código QR cun importe de 150 euros, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90 euros para contar cun bono por valor de 150 euros). Como novidade, cada usuario poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300 euros para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos.
Tamén está aberto o prazo para que as empresas se adhiran. Neste sentido, a día de hoxe xa forman parte da campaña deste ano máis de 200 empresas, entre establecementos de aloxamento e axencias. O prazo de adhesión de establecementos continuará aberto ata o 2 de decembro. Poderán facelo tamén a través da dita páxina web.
A iniciativa naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego. En palabras da Xunta, “está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector”.
Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14 millóns de euros: deles, durante a pandemia foron máis de 10 millóns de euros (5 millóns de euros co bono turístico sociosanitario e 5,8 millóns de eurosno ano 2021), aos que se suman os 3 millóns de euros nos últimos dous anos.

PUBLICIDADE