Arrinca en Boiro o centro Lab Barbanza con 18 proxectos emprendedores inscritos

luns, 21 de setembro do 2020 Sonia Pena

Esta recta final de setembro vai ser decisiva para o emprendemento na nosa comarca e para os novos (innovadores e creativos) xeitos de traballar e producir servizos e produtos. Estamos a falar da posta en marcha definitiva do espazo de emprendemento e aceleración Emprende – Lab Barbanza, que vén da man do Concello de Boiro con financiamento da Deputación da Coruña e a colaboración da ABE (a Asociación Boirense de Empresarios). O prazo de inscrición pechou o pasado venres 18 cun total de 18 proxectos emprendedores da comarca inscritos para participar na primeira fase do programa, que é fase de formación.
O abano temático das propostas, segundo informa o Concello, é completo e amplo, contándose con proxectos tecnolóxicos (como unha escola online de patronaxe e deseño, unha plataforma de xestión forestal ou un proxecto para impulsar a dixitalización dos negocios tradicionais), gastronómicos ou mesmo musicais. A primeira das fases consiste na formación e mentoring dos 18 inscritos, dos que 10 pasaran á segunda fase de aceleración.
O programa Emprende Lab Barbanza ten como obxectivo “impulsar e fortalecer o ecosistema empendedor actual da comarca do Barbanza, con novas empresas baseadas no talento, a innovación e o rápido crecemento”. Para dinamizar e apoiar o lanzamento e crecemento de proxectos empresariais, vanse ofrecer un conxunto de servizos como obradoiros de formación teórico- practica e sesións de asesoramento individuais.
A primeira das xornadas está prevista para o vindeiro xoves día 24, e nela todos os participantes de Lab Barbanza van visitar as instalacións, familiarizarse cos obxectivos e cronograma do programa e coñecer todas as demais propostas inscritas.

PUBLICIDADE