Arrinca en Miño a 2ª edición de A Administración preto de ti, que chegará a 28 concellos da Coruña

luns, 13 de xaneiro do 2025 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou este luns 13 de xaneiro en Miño a 2ª edición do programa A Administración preto de ti, que beneficiará nas vindeiras semanas a preto de 100.000 habitantes de 28 pequenos concellos da provincia coruñesa. María Rivas asistiu no Centro Social da Rúa, xunto coa concelleira de Cultura, Catalina Morado, á primeira das sesións deste programa na provincia, e agradeceu a colaboración do Concello para poder achegar esta iniciativa á súa cidadanía.
A Administración preto de ti naceu en 2022, da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, co obxectivo específico de “facilitar á cidadanía dos concellos máis pequenos e de zonas rurais os trámites dixitais na Administración do Estado”. María Rivas fixo fincapé na importancia desta iniciativa, que “reforza a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades entre a cidadanía de zonas urbanas e rurais”.
Segundo fixo saber, a segunda fase do programa comezou este luns 13 en Miño e desenvolverase nun total de 28 pequenos concellos da provincia da Coruña: Valdoviño, Aranga, Irixoa, Mesía, Cabana de Bergantiños, Vilasantar, Cariño, Curtis, Sobrado, Frades, Oroso, Carnota, Dodro, Trazo, Miño, Vimianzo, Moeche, Mugardos, Cee, Neda, Paderne, San Sadurniño, Muxía, Dumbría, Santiso, As Somozas, Tordoia e Vilarmaior. Todos estes concellos asinaron previamente coa Subdelegación do Goberno na Coruña á adhesión ao programa, co que colaboran cedendo os espazos nos que se desenvolverán esta iniciativa.
Trasla sesión en Miño, a seguinte será este venres no Concello de Vilarmaior ás 11 da mañá.
O programa consta de sesións informativas prácticas impartidas por persoal da Subdelegación do Goberno na Coruña, previamente formado, e doutras unidades, como a Axencia Tributaria, Tráfico e, como novidade, a Seguridade Social. Nestas sesións tamén se tramita ás persoas asistentes o Certificado Dixital da FMNT e ensínaselles a instalalo nos dispositivos móbiles para o seu uso nas relacións dixitais coa Administración.
Rivas lembrou que a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións cos seus departamentos: dende trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar de xeito telemático.