Arrinca en Santiago a edición da Maker Faire Galicia máis completa de proxectos
xoves, 1 de xuño do 2023
Este
xoves 1 de xuño abriu as súas portas no Museo do Gaiás (Cidade da
Cultura) a feira Maker
Faire Galicia, a cita de referencia para a comunidade argallleira galega, estatal e internacional. Desta volta,
a organización (Vermis Project co apoio de entidades como o Concello
de Santiago ou a Xunta) preparou unha programación que bate récords
en proxectos, obradoiros e conferencias. En total, máis de 70
proxectos e 300 makers, máis de 40 obradoiros e máis de 20
charlas, tanto en liña como presenciais, formarán parte da axenda
de actividades. A feira foi inaugurada polo conselleiro de Economía,
Francisco Conde, quen enxalzou o importante traballo creativo e
divulgador dos makers, “figuras clave da transformación
dixital e sustentábel de Galicia”.
Na
inauguración Conde subliñou que “o futuro pasa polo talento e
pola innovación, e que ese talento e esa innovación poidan
impregnar todo o ecosistema que temos aquí en Galicia”. Tamén que
a celebración en Galicia da Maker Faire contribúe a motivar o
talento galego, destacando a importancia da participación neste
encontro de “empresas tractoras, alumnos de formación profesional
e xente que xa ten a súa iniciativa e está intentando achegar
solucións innovadoras”.
Primeira
xornada
A
primeira xornada, a deste xoves, está dedicada á industria,
presentando charlas inspiradoras e coñecementos de expertos en
diferentes eidos. Dimitris Petrotos presentará o seu proxecto
Laddroller, centrado na mobilidade sen barreiras. A mesa
redonda Dilemas éticos na Intelixencia Artificial
contará coa participación de Amparo Alonso, Bárbara Román de
Nolegaltech e Ana Mª Alonso. Da innovación en biotecnoloxía tamén
se falará con Eldara Rodríguez Cobo, responsábel de innovación de
Nanogap, Alvaro Goyanes, director e co-fundador de FabRx, Patricia
Fraga María de DIH DATAlife e Julio Martínez Rumbo, Project Manager
do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). No
eido da enerxía, David Buceta, CTO de NANOGAP, presentará Hysun, un
proxecto que pretende revolucionar a xeración de hidróxeno
renovábel. Ademais, haberá un concurso de proxectos e un concerto
de plantas que promete ser espectacular.
O
segundo día
O 2
de xuño a xornada estará centrada na educación, coa participación
de referentes destacados. O mozo maker Samu falará da arte
como forma de expresión e comunicación. Eva Cabanelas abordará a
importancia da divulgación científica. Esther e Diego, finalistas
do Stockholm Junior Water Prize (#SJWP) presentarán o seu
proxecto Nunca choveu que non escampara. Amais, contarase coa
experiencia de Pablo de Miguel Morales de Autofabricantes, Jorge
Sánchez López (Simón), enxeñeiro e co-director do Centro CeLeO,
Xoan España, director xeral e Transformación de Amicos e Pablo
Vilariño, instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille da ONCE, moderados
pola xornalista Selina Otero, que guiará a conversa e facilitará o
intercambio de coñecementos sobre inclusión e accesibilidade na
comunidade argalleira.
Os
dous últimos días, o 3 e o 4 de xuño, estarán abertos a todos os
públicos. Durante estes días, os asistentes poderán explorar o
mundo dos brazos electrónicos, mergullarse nas páxinas da revista
AI-GEN, descubrir a fusión entre arte e tecnoloxía con Rubén
Ramos Balsa, afondar na domótica, interactuar co poderoso Chat GPT e
marabíllarse coa maxia da impresión 3D.
O
sábado día 3 dedicarase unha parte importante da xornada ao
emprendemento social, con destacados relatores que abordarán temas
fundamentais para promover o emprendemento con impacto social.
Destacarase a importancia da inclusión, a sustentabilidade e a
innovación neste ámbito. Dirixido por Víctor Grande, guionista e
presentador, o acto contará coa participación de Celso Gándara,
xerente de Algalia e presidente de Foroesgal; Covadonga Toca,
secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia; Margarita Ardao,
directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de
Galicia; Pablo de Miguel Morales, de Autofabricantes; Ana Olveira, de
Abeluria Coop; Lorena Quintás, de Xogo de Fíos e representantes de
destacadas organizacións como Grovemakers, Skeirrum, Ecos do Sur,
Despunte e Cogami-Galega Economía Social.
Tamén
durante a fin de semana destaca este ano o espazo dedicado aos
videoxogos e o Hackathon de Tecnoloxías de Apoio, onde os
participantes traballarán en equipo para buscar solucións aos retos
propostos por entidades como a ONCE, ASPACE Coruña ou COGAMI
Galicia.