Arrinca o Carballo Interplay cunha xornada de impulso á creación dixital en galego

xoves, 16 de abril do 2026 S. P.

Público no Carballo Interplay 2026. Imaxes de Aigi Boga.

O festival de contidos dixitais e series web Carballo Interplay puxo en marcha este xoves 15 de abril a súa 13ª edición cunha primeira xornada de actividade no Mercado de Carballo. Segundo confirmou a organización, o arranque desta edición deixou xa algunhas das claves que atravesarán o programa ata este domingo: a vontade de pensar o ecosistema dixital desde dentro, a conexión co público máis novo e o protagonismo da creación en galego nas plataformas contemporáneas.
Un dos intres clave do día chegou coa actividade Sobrevivir en galego nas redes sociais, unha conversa arredor da creación de contidos na rede en lingua galega que reuniu no festival voces recoñecibles deste ecosistema dixital, como Prado Rúa e Konachadas. A sesión serviu para compartir experiencias en primeira persoa e abrir unha reflexión, chea de humor, sobre visibilidade, comunidade e identidade á hora de crear contido na Rede.
Logo, o alumnado asistente participou no obradoiro Radicalmente online - Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo, unha proposta orientada a ofrecer ferramentas para detectar usos superficiais das causas sociais nas plataformas e para pensar o papel das redes desde unha conciencia crítica, a responsabilidade e o compromiso transformador.
A xornada incluíu ademais o Pitching de Produción de contido dixital en galego, un dos espazos que mellor exemplifica a aposta do Carballo Interplay por acompañar novas propostas en lingua galega tamén na súa fase de desenvolvemento. Neste formato, os proxectos candidatos ao premio tiveron 10 minutos para defender as súas ideas. A continuación, o festival acolleu a estrea en primicia de Epidemia Invisible, a serie documental de Román Varela gañadora do premio ao proxecto dixital en galego na pasada edición, da que se presentaron os tres primeiros capítulos, que se desenvolveron grazas ao impulso económico deste premio, dotado con 3.000€.
Outro dos momentos destacados do día foi a presentación de Revista Clara Corbelhe #5: Soberanía dixital contra o poder algorítmico, nunha conversa protagonizada por Élia Lago e Malva Freire arredor do artigo Scroll, lingua, nación: a galeguidade política nas redes na era TikTok, incluído no quinto número da publicación.
Nesta vontade de chegar a distintos segmentos de audiencia inscribiuse tamén a proxección infantil da serie de animación PIPO na Biblioteca Rego da Balsa, unha das propostas pensadas para achegar o Carballo Interplay ás crianzas e ás familias dentro do marco global do festival.
Este venres, máis conversacións, directos e programación destacada
A xornada do venres 17 concentra os encontros profesionais da Zona Pro xunto a algúns dos grandes reclamos abertos ao público. A mañá arrancará cun panel sobre intelixencia artificial e traballo en medios dixitais coa participación de Maldita, ao que seguirá unha conversa sobre o momento actual do podcast en España con Ana Alonso (Prisa, AS, Huffington), Óscar Piera (Tresdeu Media, Festivalpod) e Javier Hernández (RNE).
Deseguido o festival porá o foco en novos proxectos informativos e divulgativos en internet da man de Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up!, reforzando así o papel do Carballo Interplay como espazo de análise da comunicación dixital contemporánea. Xa pola tarde, celebrarase o pitching de Creación Dixital Galega, no que as propostas finalistas serán avaliadas para os premios de Mellor Canle e Mellor Creador/a. A programación completarase coa Sección Oficial. Bloque 2, a gravación en directo de Sexo en Nueva York, o podcast de Raquel Piñeiro e Patricia Blanco, a preestrea galega de Millennial Mal, coa presenza da súa creadora e protagonista Lorena Iglesias, e o espectáculo Rajando con… Bimboficadas, protagonizado por Samantha Hudson e María Barrier, unha das citas de maior expectación da xornada.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.