Arrinca o Festival Curtocircuíto de Santiago coa sesión Zero no Hotel NH

luns, 29 de xuño do 2026 S. P.

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, centrado nos novos formatos (breves) de contidos e nas tecnoloxías que os acompañan, comeza este luns 29 de xuño a súa actividade coa celebración da sesión Zero, unha proxección sorpresa de cinema ao aire libre que terá lugar ás 22.30 horas nos xardíns do Hotel NH Collection Santiago. O festival está organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura.
Esta cita, aberta ao público, servirá como antesala da inauguración oficial da 23ª edición do festival, que se celebra este martes, 30 de xuño, ás 20.00 horas no Teatro Principal, e que contará coa presenza da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o director da AGADIC Jacobo Sutil, e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo alén doutras integrantes da corporación municipal.
A apertura oficial incluirá a proxección de Despois das cidades, o novo filme de Xacio Baño, que tamén intervirá no acto. A película propón unha reflexión coral arredor de Santiago de Compostela a través de múltiples voces, cartas e postais, construíndo unha mirada sobre a memoria, a paisaxe e as transformacións do espazo urbano.
A partir desta inauguración e ata o 5 de xullo, Curtocircuíto despregará unha programación que combina as competicións oficiais Cosmos, Planeta GZ e Supernova con focos dedicados a Lawrence Lek e Gala Hernández López, o premio Atlas á cineasta Marie Losier, concertos audiovisuais, encontros con cineastas, residencias artísticas e actividades abertas ao público.
O mércores 1 de xullo, ás 12.00 horas, o Paseo dos Camelios do Hotel NH Collection Santiago acollerá un encontro aberto a prensa e público arredor de Despois das cidades. Un día despois da súa proxección en Curtocircuíto, o director Xacio Baño conversará coa historiadora e política Encarna Otero e co filósofo e escritor Antón Baamonde sobre o proceso de creación do filme e as reflexións que suscita arredor da memoria, a paisaxe e as transformacións do espazo urbano. 

Presentación do certame celebrada os días pasados no Obradoiro

A programación continuará esa mesma xornada coas proxeccións da sección oficial Cosmos, coa sesión Un arbre és un arbre, de Aleix Plademunt e Carlos Marqués - Marcet, integrada no ciclo Psicoxeografías, e co primeiro concerto audiovisual desta edición, Gamma, de José Venditti e Marta Verde. O xoves 2 de xullo, ás 11.00 horas, a sede de Afundación acollerá un encontro gratuíto co fotógrafo e cineasta Aleix Plademunt. Baixo inscrición previa, a sesión ofrecerá un percorrido pola súa traxectoria recente e polo diálogo entre fotografía e cinema que articula proxectos como Almost There, Matter, Ser Ningú, Un arbre és un arbre e Sempervirens, afondando nunha práctica artística que explora os límites da imaxe, a narración e o tempo.
A programación continuará nos días seguintes coa entrega do Premio Curtocircuíto Atlas á cineasta francesa Marie Losier, os focos dedicados a Lawrence Lek e Gala Hernández López e novos encontros con creadoras e creadores como Marta Echaves. O apartado de concertos audiovisuais culminará coas propostas do artista xaponés Ryoichi Kurokawa, Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé, e Artur M. Puga e Sevi Iko Dømochevsky, conformando un percorrido por diferentes formas de relación entre son, imaxe, tecnoloxía e performance.
O festival conta cun abono xeral de 25 euros, válido para todas as actividades programadas no Teatro Principal, Auditorio e Numax. As entradas individuais terán un prezo de 4 euros para as proxeccións de cine e de 7 euros para as sesións Live AV, mentres que os DJ sets na Sala Fantástica serán de acceso libre. As actividades programadas nas prazas da cidade serán tamén de acceso libre e gratuíto. As entradas poderán adquirirse en liña e de maneira presencial na Zona C, no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia, e, no caso da sesión Terra, en Numax. O abono deberá recollerse fisicamente na Zona C e non garante o acceso a todas as actividades, xa que a entrada aos eventos estará suxeita á retirada previa de localidades ata completar a capacidade.