Arrincan as reunións para implantar en Santiago a eAdministración

mércores, 20 de xuño do 2018 Redacción

Onte comezaron oficialmente as xuntanzas internas para a implantación en Santiago do proxecto actual de Administración Electrónica, unha iniciativa de renovación tecnolóxica que conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e que afectará a todas as frontes e ámbitos da administración local e da súa relación coa cidadanía. A constitución e posta en marcha da nova plataforma dixital será, en palabras do Consistorio, o proxecto de mellora da xestión municipal máis relevante da historia recente do Concello.
As xuntanzas que comezaron onte tiveron un precedente a semana pasada, coa primeira reunión de coordinación presidida polo concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro. Nas sesións lembrouse que o obxectivo é “acadar a modernización global da xestión municipal”.
O prazo para dar rematada a iniciativa de Administración Electrónica é de dous anos. Entre outras cousas, quérese botar man das máis avanzadas tecnoloxías para “facilitarlle á veciñanza a súa relación coa administración e permitirlle realizar a maioría dos trámites desde as súas casas, de maneira telemática”. Para isto, habilitarase unha plataforma de eAdministración con sede e rexistro electrónicos e un novo xestor de expedientes. Asemade, informaron os responsábeis do Concello, “permitirase modernizar a xestión tributaria e de tesourería ou a xestión do padrón de habitantes”.

PUBLICIDADE