Arrincan en Baio os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas

luns, 10 de marzo do 2025 S. P.

Este luns 10 de marzo comenzaron a súa xira polo territorio galego os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, fixérono no IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas), cunha actividade de divulgación para o alumnado de 4º da ESO, impartido polo xornalista Miguel Rodríguez Fernández ás 8:45. Este programa de alfabetización mediática chega aos centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís que lidera a deputada, Soledad Agra.
 Os xornalistas, poñendo en contexto este novo programa, lembran que o aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital “están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes”, e é por este motivo que o colectivo galego quere combater esta situación trasladando á sociedade galega, tanto escolar como adulta.
Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
Pedro Costa ten liderado e formando parte de equipos de comunicación e de redes sociais de diferentes entes municipais, provinciais e autonómicos, ademais de pasar pola radio e o mundo da música e colaborar en varios proxectos formativos a prol da comunicación e o diálogo.
Pola súa banda, Sara Garea conta cunha ampla experiencia de máis de 15 anos en xestión da comunicación interna e externa e na actualidade traballa para Radio Líder Santiago como redactora e locutora.
Miguel Rodríguez traballou cinco anos en La Opinión A Coruña e foi xornalista de datos na axencia de noticias Press Association no Reino Unido; desde 2019 é editor de Datos en ICIS, ademais de colaborar con medios elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Tempos Novos.
Cinthia Piñeiro, xornalista e podcaster, gañadora en 2023 da VIII Bolsa Nacho Mirás, conta con experiencia en diferentes sectores da comunicación e traballa na actualidade na Televisión de Galicia.
Marga Tojo, comunicóloga e escritora, traballou durante unha década no extinto xornal Galicia Hoxe e forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, e colaborou durante anos con eldiario.es, Público, Nós Diario ou O Salto diario.
Elena Martín é realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine.
Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte obradoiros chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña. O seguinte taller vai realizarse este venres 14, tamén no IES Maximino Romero de Lema de Baio, a partir das 10:45, impartido por Pedro Costa.