Arrincan este mes as Lanzadeiras de Emprego de Carballo e Pontevedra, que aínda teñen prazas libres

venres, 20 de novembro do 2020 S. P.

Este mes de novembro darán comezo as Lanzadeiras Conecta Emprego de Carballo e Pontevedra, un programa gratuíto de orientación laboral que se dirixe a “reactivar a procura de traballo con novas técnicas e ferramentas, acordes ao novo mercado laboral”. Os seus participantes, segundo informan as entidades organizadoras (a Fundación Telefónica, a Fundación Santa María A Real, a Consellería de Economía e Emprego), asistirán a sesións virtuais e presenciais; contarán co apoio e o asesoramento de técnicos especializados para aprender a realizar un itinerario integral de procura de emprego, actualización de currículo, simulación de entrevistas de traballo e contacto con empresas. As persoas interesadas en participar neste programa, que en edicións anteriores rexistrou unha media dun 60% de inserción laboral, poden formalizar a súa inscrición na web das Lanzadeiras ou de forma presencial nas Oficinas de Emprego da Xunta, solicitando cita previa no teléfono 012.
Estas contribucións á empregabilidade contan con co-financiamento do Fondo Social Europeo a través do programa operativo POISES; e a colaboración da Xunta de Galicia.
As lanzadeiras de Carballo e Pontevedra comezarán este mes de novembro e estarán operativas até finais de abril de 2021, ofrecendo de balde orientación laboral, acompañamento e asesoramento até un máximo de trinta persoas en cada unha, que se atopen arestora sen traballar.
Poden participar homes e mulleres con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos e ter calquera nivel de estudos (ESO, Formación Profesional, Bacharelato, Universidade, Master, etc.), con procedencia dende calquera sector profesional, con ou sen experiencia previa.
As persoas participantes reuniranse varios días á semana de forma virtual (a través de diferentes aplicacións informáticas) e de forma presencial, en instalacións cedidas gratuitamente pola Xunta de Galicia, onde se contará con todas as medidas de hixiene, seguridade e distancia social requiridas. Se a situación agrávase pola pandemia, o programa levará a cabo totalmente online.
O prazo para apuntarse nas Lanzadeiras Conecta Emprego de Carballo e Pontevedra fica aberto a día de hoxe.

PUBLICIDADE