Arrincan os traballos de Adamo para levar fibra óptica a máis de 7.200 vivendas de 8 concellos lucenses

martes, 21 de xuño do 2022 S. P.

O responsábel de Adamo, David Llano, e a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez

A operadora Adamo confirmou que xa están en marcha os traballos de enxeñaría para dotar de fibra óptica a máis de 7.200 vivendas de 8 concellos lucenses: Abadín, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Pontenova e Riotorto. Diferentes áreas destes municipios contarán a finais de verán coa conexión a Internet que Adamo cualifica como “a máis rápida que existe hoxe no mercado (1.000 MB)”.
A subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, recibiu os días pasados a David Llano, responsábel de Adamo en Galicia, quen lle explicou os detalles sobre o novo equipamento, así como sobre o conxunto de despregaduras previstas para o terceiro e o cuarto trimestre. Neste último período, Adamo engadirá unha cifra similar ao anterior, cuns 7.000 fogares conectados por medio da súa fibra óptica.
Este crecemento apóiase, por unha banda, nos fondos propios de Adamo (leva investidos máis de 20 millóns de euros en Lugo). Pola outra, a expansión é posíbel grazas ás subvencións do Programa de Banda Larga de Nova Xeración (PEBA) do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que está co-financiado pola Unión Europea (UE). Así, preto de 6 millóns xa se destinan ao desenvolvemento desta infraestrutura na provincia, cantidade que facilitará a conexión de máis de 26.500 fogares lucenses. “É dicir”, explican fontes da operadora, “que a colaboración público-privada, o traballo conxunto entre Adamo e o Goberno, é a fórmula que está a permitir o desenvolvemento da fibra óptica no territorio lucense”.
Aposta de Adamo por Lugo
As ditas operacións enmárcanse no ambicioso plan que a compañía está a desenvolver na provincia, cuns 70.000 domicilios de 27 concellos cableados desde 2018 até o momento. En concreto, por citar algúns exemplos, a empresa ten a súa infraestrutura expandida na Fonsagrada, Alfoz, Begonte, Cervo, Xove, Barreiros, Lourenzá, O Valadouro ou Foz.

PUBLICIDADE