Arrincou cunha manchea de actividades e obradoiros a X edición da Maker Faire Galicia
luns, 1 de xullo do 2024
Este sábado 28 celebrouse a primeira xornada da edición X da Maker Faire Galicia, feira compostelá de tecnoloxías abertas e participativas co-impulsada polo Concello de Santiago. A sesión de entrada desenvolveuse no centro comercial Área Central, cunha chea de actividades e obradoiros ao longo de todo o día. Na inauguración participou a tenenta de alcaldesa, María Rozas, que agradeceu o traballo das organizadoras ao longo destas 10 edicións.
María Rozas salientou que no evento “abórdanse temáticas que encaixan coas nosas liñas de traballo na Concellaría de Promoción Económica: a Innovación Social, os Oficios, a Industria”. Tamén avanzou a próxima apertura dun espazo maker permanente, na Casa das Asociacións de Cornes.
María Rozas tamén puxo en valor que a primeira xornada da Maker Faire se celebrase en Área Central, "un espazo que reivindicamos como comercio de proximidade, lonxe dos formatos de centros comerciais, e que iniciativas coma esta axudan a revitalizar".
Na cita tamén participou (entre outras entidades) cun stand propio a Universidade da Coruña, concretamente o Campus Industrial de Ferrol, que amosou todo o seu potencial innovador. Ao longo de toda a xornada, o público asistente puido achegarse ata o stand da UDC para coñecer algúns dos proxectos nos que está a traballar o persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Deste xeito, o grupo de investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) facilitou varios tecidos flexíbeis e un par de soletas personalizadas en impresión 3D. O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica achegou a súa órtese activa para lesionados medulares e unha rótula para a simulación de movemento en artroplastia total no xeonllo. Pola súa banda, o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) contribuíu cunha mostra de fabricación, reparación e de mellora de pezas botando man da fabricación aditiva DED e o Laboratorio de Plásticos (LabPlast) cunhas pequenas pezas impresas con polímero e pousos de café.
Con motivo do seu décimo aniversario, a organización da Maiker Faire Galicia programou tres xornadas independentes sendo a primeira a que tivo lugar o 29 de xuño, no Centro Comercial Área Central de Santiago de Compostela. A segunda está prevista para o 8 de novembro na sede da Fundación Laboral da Construción e a terceira, programada para o 13 de decembro, nas instalacións do Biopolo Sionlla.
O programa da primeira feira, titulada Emprendemento e Innovación Social, contou con charlas, obradoiros e presentacións de máis de 45 proxectos nas categorías de Minimakers, Makers, Divulgación e Innovación Social. O evento arrincou ás 10 da mañá, e ao longo de toda a xornada sucedéronse charlas de diferentes persoas referentes e presentacións de proxectos impulsados tanto desde o sector público como do privado. A xornada finalizou cunha entrega de premios e un concerto de Mary Iglesias.
O Concello impulsou unha manchea de actividades paralelas, como obradoiros de tatuaxe, stencil, cúpulas xeodésicas, origami matemático ou pintura de pezas 3D. Tamén houbo un scape room, monólogos científicos e mesmo espectáculos de maxia vinculados á tecnoloxía.
Todas as actividades da xornada foron de balde. Ademais, houbo servizo de ludoteca para as crianzas.
Próximas xornadas
Despois da xornada do 29 de xuño, a Maker Faire volverá cunha xornada dedicada aos oficios, o 8 de novembro na sede da Fundación Laboral da Construción, coa participación de Artesanía de Galicia.
O 13 de decembro, e coa colaboración do IGAPE, celebrarase unha xornada dedicada á innovación no ámbito da industria, que se desenvolverá no Biopolo Sionlla.