Arrincou na ESEI de Ourense un campamento TIC que pon o foco na cultura maker
mércores, 3 de xullo do 2024
Este luns 1 de xullo arrancou na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense o curso de aproximación á tecnoloxía Un verán na nube, que organiza a Concellaría de Educación do Concello de Ourense no marco do seu programa Concilia Verán coa colaboración desta escola da UVigo.
A actividade, impartida por Captioma, desenvólvese en dúas quendas en instalacións da ESEI, especialmente no seu espazo Maker, posto en marcha no marco proxecto Poctep Emprende Makers. Na primeira quenda, que abrangue a primeira quincena de xullo, participa rapazada de primeiro a terceiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria e na segunda, na última metade do mes, de terceiro a sexto curso de Educación Primaria. Ao longo das sesións, rapazas e rapaces achegaranse, dun xeito lúdico e aplicado, á programación de videoxogos e de microcontroladores, á fabricación dixital, á impresión 3D e á electrónica, entre outros aspectos das “tecnoloxías makers”, ou sexa, tecnoloxías abertas, participativas e creativas.
Os contidos TIC complementaranse con nocións de emprendemento tecnolóxico, co obxectivo de animar ás persoas asistentes a desenvolver os seus propios proxectos neste eido.
Na apertura da actividade este luns participaron Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, e, por parte da UVigo, Mónica Villanueva, directora de área do campus de Ourense, e Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que puxo en valor a importancia de que neste tipo de iniciativas participen tanto nenas como nenos, lembrando a escasa presenza de mulleres nas titulacións de Enxeñaría Informática.