Artabria impulsa a súa ciberseguridade co apoio das axudas á transformación dixital das pemes

martes, 23 de xuño do 2026 Redacción

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada polo director territorial de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou esta mañá as instalacións do Grupo Tecnolóxico Artabria no marco da nova convocatoria de axudas destinadas á transformación dixital das pemes. Durante o percorrido polas dependencias da empresa, beneficiaria destas subvencións na edición anterior, puido coñecer de primeira man os proxectos que desenvolve a compañía.
Aneiros explicou que esta liña de apoio, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do IGAPE, abrangue diferentes actuacións relacionadas coa dixitalización empresarial. Entre elas inclúense a creación de interfaces e canles dixitais para a relación comercial e operativa con terceiros, a automatización e dixitalización de procesos, a implantación de sistemas de xestión integral, proxectos ASG apoiados en tecnoloxía, melloras na función loxística e iniciativas de ciberseguridade para a operativa dixital das empresas.
Neste último ámbito encádrase o proxecto desenvolvido por Artabria, denominado Investindo por un futuro seguro, que ten como obxectivo reforzar a protección de datos e sistemas fronte ás ciberameazas mediante a implantación de solucións avanzadas de ciberseguridade. A iniciativa tamén contempla a interconexión de dispositivos físicos e sistemas virtuais para optimizar procesos internos e mellorar a toma de decisións.
A convocatoria, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027, conta cun orzamento de 3 millóns de euros e mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 10 de xullo. Segundo destacou a delegada territorial, estas axudas buscan acelerar a dixitalización do tecido empresarial galego e favorecer unha transformación económica innovadora e intelixente liderada polas pequenas e medianas empresas, que constitúen unha parte fundamental da economía galega.
Na edición anterior, un total de seis empresas da área da Delegación Territorial de Ferrol accederon a estas subvencións, cun importe global próximo aos 74.800 euros.