Arteixo Telecom ábrelle as súas portas a persoeiros do sector TIC

xoves, 17 de marzo do 2011 Raquel Noya

O pasado martes, 15 de marzo, a sede central de Arteixo Telecom, situada na localidade coruñesa de As Pontes, recibiu a visita do presidente da Asociación para o Progreso da Dirección (APD) Zona Noroeste, Honorato López Isla, quen, como presidente da operadora de telecomunicacións R e da firma de enerxías renovables Alarde, mostrou especial interese polo funcionamento desta entidade galega punteira no sector TIC.
López Isla, que foi recibido polo presidente de Arteixo Telecom, Rafael Valcarce Baiget, mantivo un almorzo de traballo co cadro directivo e co consello asesor da compañía, para logo realizar unha completa visita pola planta industrial e comprobar de primeira man o bo transcorrer do traballo diario dos empregados.
Durante a súa visita, López Isla recoñeceu sentirse “gratamente impresionado” e, segundo informaron os anfitrións, animou ao equipo directivo de Arteixo Telecom “a aproveitar ao máximo os recursos dos que dispón a compañía, abríndose a mercados exteriores e realizando desenvolvementos de valor engadido”.
Pola súa parte, Rafael Valcarce agradeceulle a visita a López Isla e convidouno a volver cando quixera, non sen antes recalcarlle que “Arteixo Telecom está a realizar unha forte aposta pola entrada en novos sectores nos que as TIC supoñen un impulso á competitividade, pola internacionalización e por liderar ambiciosos proxectos de I+D+i”. “Todo elo –engadiu- sen descoidar a calidade e o servizo ao cliente como sinais de identidade da compañía”.

PUBLICIDADE