Arteixo Telecom entra no sector aeroespacial da man de Sinatec Electronics

martes, 3 de xullo do 2012 Raquel Noya

A galega de telecomunicacións, Arteixo Telecom, vén de poñer o seu punto de mira no sector aeroespacial, e para entrar nel con bo pé acaba de tomar unha participación en Sinatec Electronics, firma especializada en electrónica industrial con sede en Toledo, que contribuirá a que a das Pontes mellore os seus recursos produtivos e loxísticos, entre outras vantaxes.
A operación, que inclúe unha opción de compra do cen por cen da firma nun prazo de tres anos, permitirá que ámbalas dúas compañías desenvolvan sinerxías e compartan recursos e capacidades, o que, en palabras dos seus responsables, “redundarán no crecemento da competitividade e a cifra de negocio das dúas firmas”.
Máis polo miúdo, o acordo supón para Arteixo Telecom, incorporar aos seus activos industriais unha Sala Limpa ISO 7, así como mellorar os seus recursos loxísticos, ao dispor agora dunha instalación de seu no centro da Península Ibérica.
O acordo con Sinatec suporá, asemade, que a firma galega reforce o seu posicionamento en mercados que considera “estratéxicos para o seu futuro a curto e medio prazo”, como por exemplo o do sector da defensa, un eido no que Arteixo Telecom xa ten unha importante experiencia, ou o do sector aeroespacial, para o que Sinatec dispón de persoal especializado e acreditado en montaxe de elementos de voo.
Segundo afirman dende a compañía, o investimento na firma toledana enmárcase na estratexia de Arteixo Telecom, “de diversificación de negocio e entrada en novos sectores”.

Novo Director Industrial
O acordo inclúe tamén o nomeamento de Felipe Alberto Martínez, fundador e actual director xeral de Sinatec, como novo director industrial de Arteixo Telecom. Martínez, enxeñeiro de Telecomunicacións cunha dilatada traxectoria no sector da industria electrónica, ocupou durante quince anos o cargo de director de operacións en España das multinacionais Alcatel e Sanmina.

PUBLICIDADE