Arteixo Telecom estrea unha unidade exclusiva de I+D na Coruña

martes, 23 de novembro do 2010 Raquel Noya

Arteixo Telecom, a empresa de telecomunicacións afincada na localidade coruñesa das Pontes, vén de por en marcha un centro de investigación e desenvolvemento (I+D) co que dalle pulo a proxectos que permitan diversificar o seu negocio, segundo eles, “posicionándose en nichos de mercado con gran potencial de crecemento, como a aplicación das TIC á xestión medioambiental e a eficiencia enerxética”.
Para isto, a nova unidade de I+D ubícase no Centro de Iniciativas Empresariais MANS, no polígono industrial de Pocomaco, en A Coruña.
Baixo a dirección de Jacobo Penide Quintela, director-xerente da unidade de negocio de Diversificación, a oficina funciona con autonomía respecto ao equipo de investigación e desenvolvemento que traballa na sede central da compañía nas Pontes de García Rodríguez.
Sobre os obxectivos da iniciativa levada a cabo pola compañía, Penide sinala que “veñen de identificar unha serie de oportunidades de negocio atractivas que queren aproveitar”, para o que precisan ter un equipo de enxeñeiros de I+D dedicado en exclusiva a estes proxectos para “traballar con máis axilidade e obter resultados en prazos de tempo máis axustados”.
Produtos da compañía como o adaptador ultrarrápido para a creación de redes domésticas, o Re-visio, que ofrece conexión a Internet de banda ancha en autobuses e tranvías ou o sistema de xestión integral de flotas GlobalPosition foron posibles grazas á política de investimento en innovación e desenvolvemento da compañía, que aposta con esta unidade exclusiva de I+D pola calidade no deseño de produtos propios e servizos personalizados.
Agora, con esta nova estrutura organizativa, a compañía pretende poñer en valor a súa capacidade para abarcar o ciclo completo do produto, dende o deseño e o desenvolvemento ata a fabricación e o servizo post-venda; así como para impulsar a innovación, acceder a novos mercados e incrementar o seu volumen de negocio dentro do posible.

PUBLICIDADE