Arteixo acolle este xoves 16 unhas xornadas sobre dixitalización e gobernanza da auga

mércores, 15 de abril do 2026 S. P.

Este xoves 16 de abril celébranse en Arteixo as Xornadas de Dixitalización e gobernanza da auga. Retos e aprendizaxes desde o público, organizadas pola Asociación Española de Operadores Públicos da Auga (AEOPAS) e polo Concello de Arteixo, coa colaboración doutros concellos como por exemplo o de Ames.
O encontro celebrarase en horario de 9:00 a 18:00 horas, no Centro Tecnolóxico de Arteixo (A Coruña), e reunirá a representantes institucionais e profesionais do sector da auga co obxectivo de analizar os retos actuais da xestión pública nun contexto de transformación dixital.
A xerente de Augas de Ames EPEL, Genma Otero, participará como relatora na mesa temática A xestión da información dixital a distintas escalas. A diversidade de modelos de xestión nos entes supramunicipais, medianas cidades e zonas rurais, onde se abordarán experiencias e boas prácticas vinculadas á dixitalización e á mellora da xestión da información no ámbito da auga.
No acto inaugural intervirán o presidente de AEOPAS, Francisco Buenavista García; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez; a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez Mejuto; e o secretario de Estado de Medio Ambiente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Hugo Morán Fernández.
O alcalde de Ames e presidente de Augas de Ames, Blas García, destacou a importancia de que a empresa pública Augas de Ames sexa convidada a este foro especializado, sinalando que “é un recoñecemento ao traballo que se está realizando desde a nosa entidade pública na xestión eficiente, moderna e transparente dun servizo esencial como é o ciclo da auga. Que o noso modelo sexa compartido e analizado nestas xornadas pon en valor o compromiso do Concello de Ames coa xestión pública de calidade e coa innovación ao servizo da cidadanía”.
Pola súa banda, a xerente de Augas de Ames EPEL, Genma Otero, salientou a relevancia destas xornadas para o sector: “son un espazo fundamental para o intercambio de coñecemento e experiencias entre operadores públicos. Permítennos establecer sinerxías e avanzar de forma conxunta na mellora da xestión dun recurso básico e esencial para as nosas sociedades como é a auga. A colaboración e a aprendizaxe compartida son claves para afrontar os retos presentes e futuros”.
Estas xornadas constitúen un espazo de encontro para o intercambio de coñecemento e a reflexión sobre modelos de xestión, a innovación, a sustentabilidade e a mellora da gobernanza da auga desde o ámbito público.