Aryzon, o casco de realidade aumentada low cost

luns, 5 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Non son poucas as solucións económicas que xurdiron nos últimos anos que facilitan o aproveitamento dos smartphones como solucións de realidade virtual, entre os que destaca o cartón de Google, e agora que a industria parece querer mover o foto na realidade mixta, chegan a Kickstarter un curioso proxecto que busca converter calquera smartphone nun dispositivo de realidade aumentada tridimensional grazas ao visor de baixo custo Aryzon.
Esta campaña de micromecenado que xa superou a súa meta, de xeito que os seus mecenas deberían comezar a recibir as súas recompensas en setembro, e describe o produto final como o cartón de Google para a realidade aumentada, xa que Aryzon baséase no mesmo concepto: unha estrutura de cartón na que se sitúan unhas lentes que reparten a imaxe da pantalla do teléfono en dúas metades (unha para cada ollo) conseguindo un efecto estereoscópico.
Desta volta, a diferenza está en que, en vez de enviar a pantalla directamente ás lentes, rebótase nun panel transparente, de xeito que as imaxes do teléfono combínanse coa realidade, conseguindo así unha experiencia de realidade aumentada básica, pero moi práctica para conseguir un efecto holográfico que pode ser útil para presentar modelos tridimensionais no noso contorno, dun xeito semellante a como podemos ver cos xogos de realidade aumentada da Nintendo 3DS, pero co realismo que achega a resolución de pantalla dos teléfonos actuais e o feito de que as imaxes aparezan fronte aos ollos do usuario.
Aínda que este produto parece bastante sinxelo, e probablemente conte con numerosas copias en breve, a súa adquisición agora parece bastante apetecible, principalmente polo seu prezo, xa que por 29 euros (+ 4 euros de gastos de envío) recibirase o casco de realidade aumentada Aryzon e a súa aplicación móbil, cantidade económica o suficientemente axustada para que os entusiastas desta tecnoloxía se lancen a probala.

Vídeo promocional de Aryzon

PUBLICIDADE