As 21 empresas de Galicia Avanza presentaron os seus proxectos ante mercados internacionais
xoves, 20 de febreiro do 2025
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, impulsado polo IGAPE (Consellería de Economía) e a Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), celebrou este 20 de febreiro a presentación dos proxectos e servizos innovadores das 21 pemes innovadoras que ao longo dos últimos oito meses participaron na terceira edición desta iniciativa. A cita foi na Tecnópole e a ela asistiron o director da Área de Internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez-Borrás, e o director xerente da Tecnópole, JavierTaibo.
Durante o evento Empresas & Viceversa, destinado a promover a internacionalización da innovación en Galicia, as 21 pemes beneficiarias desta convocatoria amosaron os seus produtos e servizos innovadores. Pertencen a sectores tan diversos como as novas tecnoloxías, robótica, alimentación, forestal, cosmética natural, música, turismo ou téxtil, entre outros.
No encontro déronse cita ademais un centenar de empresas galegas interesadas na internacionalización. As compañías asistentes mantiveron reunións entre elas, co fin de establecer colaboracións futuras.
O director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, presentou os resultados globais desta convocatoria, que finalmente centrouse na prospección de 38 mercados internacionais de interese para as pemes participantes: o 76% en Europa, o 11% en Latinoamérica e o 13% restante noutros mercados como Estados Unidos, China e Xapón. Neste período rexistráronse cinco marcas en diferentes países e unha patente.
O valor global das actuacións levadas a cabo ascendeu aos 421.000 euros, cun gasto medio por empresa de 20.000 euros. Nestes meses realizouse unha prospección de mercados de interese para cada unha das pemes participantes, protección de patentes e marcas nos países de destino, elaboración e desenvolvemento de plans de mercadotecnia, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais, adaptación das páxinas web e dos soportes comerciais aos países de destino. Así mesmo, nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos novos mercados, ao tempo que se crearon ferramentas para facilitar as vendas, promoveuse a asistencia a feiras internacionais e a venda online…, entre outras iniciativas.
No transcurso do evento celebrouse o espectáculo Empresas & Viceversa, destinado a fomentar a rede de contactos entre empresas. Representantes de dúas compañías galegas de éxito internacional exerceron de tronistas e foron pretendidos por outras firmas, co fin de aproveitar sinerxías e chegar a posíbeis colaboracións. Trátase de Pedro Arenas, director de desenvolvemento corporativo de CEAMSA (Compañía Española de Algas Marinas); e Iago Jover, responsábel de innovación en Roberto Verino.
O programa Galicia Avanza xa impulsou nas súas dúas edicións anteriores a internacionalización de 60 pemes galegas innovadoras, que ascenden a 81 sumando a convocatoria actual. As empresas participantes lograron entrar no seu conxunto en 52 novos mercados. O valor global das actuacións levadas a cabo ata agora no marco desta iniciativa suma 1,5 millóns de euros.
Durante o evento anunciouse que nos vindeiros días porase en marcha a cuarta edición do programa, na que poderán participar ata 30 pemes innovadoras de toda a comunidade.