As Aulas CeMIT conectarán a preto de 800 nenos e nenas de toda Galicia con Papá Noel

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

Conexión con Papá Noel na Aula CeMIT de Barreiros, Lugo

Preto de 800 alumnos de educación infantil de máis de 20 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de vídeo-conferencia da Rede de Aulas CeMIT ata o día 21 de decembro.
Ao longo destes días conectarán con Laponia as aulas de Abegondo, Bande, Bearíz, A Cañiza, Boiro, Carballedo, Castrelo do Miño, Catoira, Celanova, Fisterra, A Fonsagrada, Guitiríz, Leiro, Marín, Muros, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo, ata completar así as 21 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 769 nenos e nenas en 32 sesións.
O obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu décimo sexto aniversario, é “facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo”, explica AMTEGA, coordinadora e impulsora da Rede CeMIT, engadindo que ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de día de Guitiriz ou do Centro Aspromor de Ortigueira.
“Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen”, engade a axencia galega.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola AMTEGA que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A Rede conta con máis de 110.000 usuarios e leva planificadas máis de 500.000 horas de formación, desde a súa posta en marcha. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultadas na súa web.

PUBLICIDADE