As Bolas Máxicas terá xogo para Kinect

xoves, 12 de abril do 2012 Marcus Fernández

Dragon Ball Z for Kinect permitirá revivir moitos dos combates míticos da serie de televisión As Bolas Máxicas

Aínda que a franquía de Dragon Ball Z estea sobreexplotada nos videoxogos, os seguidores das aventuras de Son Goku poderían recibir con ilusión un novo título que Namco Bandai anuncia que no mes de outubro chegará á Xbox 360, Dragon Ball Z for Kinect, pois será unha interesante achega aos combates que puidemos ver en As Bolas Máxicas empregando o noso corpo como mando, para o que poderemos empregar máis de 100 movementos entre os que non faltará a mítica onda vital.
Dragon Ball Z for Kinect terá máis de 50 personaxes xogables, cos seus ataques máis famosos e permitindo revivir as batallas épicas da serie de televisión que puidemos ver no seu día no Xabarín Club. O xogo tamén contará coa posibilidade de ler códigos QR para desbloquear personaxes e obxectos potenciadores.
Cómpre lembrar que non é a primeira vez que o control por movementos chega a un videoxogo da franquía, pois en 1994 no Xapón puideron gozar de Dragon Ball Z: V.R.V.S., que na súa versión de luxo permitía dar golpes no aire para que se reflectisen no xogo.

O xogo contará con máis de 100 movementos
Poderemos elixir entre máis de 50 personaxes do universo creado por Akira Toriyama
Dragon Ball Z: V.R.V.S. xa incorporaba sensores de movemento a un xogo de loita de Son Goku

PUBLICIDADE